SANTIAGO DE COMPOSTELA | As contas públicas de Galicia para o ano 2022 recibiron hoxe o visto
e prace no Pleno do Parlamento galego. Estes orzamentos son os máis
altos da historia da comunidade e ascenden a 11.627 millóns de euros
para pasar da reactivación á recuperación económica e reforzar o
crecemento san.
En materia de política fiscal, os presupostos do
vindeiro ano inclúen novas rebaixas de impostos no IRPF, no Imposto de
Transmisións Patrimoniais (ITP) e no Imposto de Patrimonio que se suman a
todas as aprobadas nos últimos anos. A Xunta leva aprobadas tres
rebaixas na tarifa autonómica do IRPF en oito anos -2014, 2016 e 2022-
co que as rendas máis baixas pagarán no ano 2022 un 22% menos de IRPF
que no 2009. Ademais, case a metade dos contribuíntes galegos deixarán
de pagar un de cada cinco euros por este imposto respecto do que aboaban
no ano 2009.
A política de rebaixa de impostos esténdese a todos
sobre os que a Xunta ten competencia na comunidade autónoma. Así, o ITP
rebáixase un 10%, co que o tipo xeral pasa do 10 ao 9% para reducir a
tributación ás familias que adquiren unha vivenda usada, favorecendo a
dinamización do mercado inmobiliario e reactivando a rehabilitación. En
canto ao imposto de Patrimonio mantense o mínimo exento e bonifícase un
25% a cota.
Ademais mantéñense todas as rebaixas xa aprobadas no
Imposto de Sucesións que sitúan a Galicia entre as comunidades autónomas
con mellor tratamento fiscal para as herdanzas entre familiares
directos e para os irmáns. Neste momento xa están exentas de tributación
o 99,9% das herdanzas por vías directa. Tamén se mantén o Programa de
‘Impostos cero no rural’ coa eliminación deste tributo para todas as
compravendas de solo rústico, as transmisións totais ou parciais de
explotacións agrarias e as agrupacións de fincas rústicas.
Reforzo do gasto social e dos investimentos
As contas de 2022
reforzan un ano máis o gasto social tradicional (sanidade, educación e
políticas sociais) e o emprego. Así, estes presupostos inclúen o maior
gasto social da historia da Comunidade que ascende a 8.660 millóns de
euros para a sanidade, o ensino, as políticas sociais e o emprego, cun
aumento de 610 millóns con respecto a este exercicio. As tres
consellerías que acaparan o gasto en servizos públicos esenciais
concentran o 75% do incremento do orzamento, é dicir, tres de cada catro
euros de aumento presupostario van destinados a sanidade, educación e
políticas sociais.
Ademais, no vindeiro exercicio refórzanse os
recursos para o investimento produtivo que tamén contribúe ao
fortalecemento dos servizos públicos. Estes presupostos inclúen máis de
2.500 millóns de euros para investimentos. En definitiva, estes
son os orzamentos con máis recursos da historia, cun reforzo moi
importante das partidas vinculadas aos servizos públicos esenciais e á
dinamización da economía co obxectivo de trasladar unha política útil
aos cidadáns que permita ser áxiles cos mecanismos de apoio ás familias,
pemes e empresas; pasar da reactivación á recuperación; e traballar de
maneira paralela nas necesidades do ano 2022 xunto coa planificación da
vindeira década para afrontar os retos aos que se enfronta Galicia.