RIANXO | O
BNG celebrará este sábado, 15 de xaneiro, en Rianxo a homenaxe nacional a
Castelao, nun acto no que participarán a portavoz nacional, Ana Pontón, o
alcalde da localidade, Adolfo Muíños, e a responsable local do BNG, Mercedes
Pimentel.
Así pois, e como cada ano, o Bloque celebra
esta homenaxe con motivo do pasamento do ilustre nacionalista arredor do 7 de
xaneiro, cando Castelao finou en 1950 no exilio en Bos Aires, cun acto público
no que lembra a vixencia do seu pensamento e da súa obra, “sempre semente frutífera
para o conxunto do nacionalismo galego e un guieiro para o BNG, polo que supuxo
de entrega á defensa da nación e que Castelao mantivo ata a fin dos seus días,
mesmo tendo que sufrir o exilio e a persecución por parte do fascismo español”,
asegurou Lucía López Sobrado, da Área Nacional de Organización do BNG, nunha
rolda de prensa en Rianxo na que tamén participaron o seu rexedor, Adolfo
Muíños, e o responsable comarcal no Barbanza, Luís Pérez Barral.
Logo de convidar á participación na
homenaxe nacional -que terá lugar o sábado, ás 12h, no Paseo da Ribeira, diante
do busto do ilustre nacionalista-, López Sobrado subliñou que Castelao e o seu
pensamento seguen vixentes na Galiza de 2022, “na que a defensa do pobo e das
súas clases populares, a defensa da lingua e a cultura, a defensa dunha Galiza
dona de si, próspera e xusta, é máis necesaria que nunca”. “Esta é a Galiza
pola que traballamos no BNG e pensamos que a mellor maneira de honrarmos a
Castelao é manter vivo o seu pensamento e o seu legado”, engadiu.
Pola súa parte, Muíños subliñou que “Castelao
é o pai da patria, o construtor da nación como o define unha recente biografía
súa, e a súa vixencia é evidente”. “Rianxo é onde pasou unha parte moi
importante da súa vida, un lugar de presencia constante na súa produción
artística e, nese senso, esta homenaxe con motivo do aniversario do seu
pasamento é unha cita obrigada para este concello no que a pegada de Castelao
permanece ao longo do tempo nas rúas, nas edificacións, nas lembranzas
familiares e persoais”, destacou o alcalde de Rianxo, quen tamén recalcou a
“plena vixencia” do pensamento do ilustre nacionalista. Departamento de comunicación