A CORUÑA | O
BNG demanda un tren de proximidade do século XXI que comunique as vilas e
cidades de Galiza con horarios, duración de traxectos e prezos competitivos e
adaptados ás necesidades de traballo, de xestións, de estudo ou de ocio da
cidadanía, e para iso, unha ampla representación de responsables nacionalistas,
encabeza pola portavoz nacional, Ana Pontón, fixou unha viaxe reivindicativa
collendo o tren entre Ferrol e A Coruña.
“Con esta viaxe quería poñerme na pel dunha persoa traballadora, dun
estudante ou de calquera veciño e veciña que queira usar o tren para
desprazarse entre ambas cidades, pero que se topa coa realidade de que é case
misión imposible usar este medio de transporte de xeito habitual por tres
motivos: a falta de horarios, a duración dos traxectos e mesmo o prezo dos
billetes”, sintetizou a líder do BNG a súa chegada á estación coruñesa.
“Case podemos dicir que
son heroes e heroínas as persoas que deciden coller o tren”, recalcou, pois
aparte das mínimas frecuencias horarias, a duración do percorrido duplica e
mesmo pode chegar a triplicar os trinta minutos que leva facer o traxecto por
estrada. A imposibilidade de
usar o tren como medio habitual para viaxar de Ferrol-A Coruña, e viceversa,
non é un caso illado, pois fora do eixo atlántico a opción do ferrocarril para
desprazarse polo País non é funcional lastrada pola falta de investimentos e
polo progresivo desmantelamento.
Por exemplo,
desprazarse desde Lugo a Coruña e inviable e tampouco ten conexión directa con
Santiago, hai que pasar por Ourense con tempos que chegan a superar as tres
horas e un custe de 30 euros. Igual se pode dicir do FEVE que fai a ruta entre
Ferrol e Viveiro, obsoleto e cunha liña que se mantén case igual que cando se
inaugurou fai cinco décadas. E na provincia de Ourense, excluíndo a capital, o
servizo de tren está practicamente desmantelado.
“Este abandono do tren
en Galiza ocorre mentres nos países europeos do noso entorno é o transporte de
presente e de futuro porque reduce emisións, é máis barato e máis sostible e non
podemos deixar que Galiza se quede atrás”, denunciou Pontón, para quen esta
situación ten causas e responsables. “A causa está no
abandono do Estado das infraestruturas ferroviarias, máis aló do Eixo
Atlántico, e os responsables son por un lado os sucesivos Gobernos do Estado,
tanto do PP como do PSOE, que seguen empeñados en discriminar Galiza tamén
cando se trata da modernización do tren. E por outro, o Goberno de Feixóo que
leva doce anos incapaz de defender un tren de proximidade propio do século XXI”,
criticou.
A líder do Bloque
explicou as propostas da formación nacionalista a favor dun servizo de
proximidade moderno e eficaz, empezando por dúas medidas inmediatas: recuperar todas as frecuencias suprimidas
durante a COVID e segundo, recuperar o tren avant
das 6:30H que comunicaba A Coruña con Ourense, “utilizado por moitos coruñeses
e coruñesas a diario para ir a traballar”, que se suprime para dar prioridade
ao AVE.
Proposta a medio prazo
No medio prazo, o BNG
propón un plan de compensación para o sistema ferroviario que permita
actualizar e modernizar todas as vías en servizo, con horarios, maquinaria e
prezos competitivos. Igualmente, transferir a Galicia as competencias en materia
de ferrocarril interior, como xa teñen Euskadi, Cataluña, Valencia ou
Andalucía. De feito, o propio Parlamento galego aprobou por unanimidade esta
transferencia, pero Feixóo non moveu un dedo para conseguila en doce anos,
explicou. E para a xestión dun
ferrocarril de proximidade, o Bloque aposta crear o GALTREN, un ente ferroviario
propio.
Na viaxe
reivindicativa, tamén participou o deputado Nestor Rego, así como alcaldes e
responsables municipais e comarcais de Ferrolterra, como o portavoz municipal de
Ferrol, Iván Rivas, ós que sumou o portavoz municipal da Coruña, Francisco
Jorquera, a súa chegada á estación herculina. Rivas destacou que o
trazado da liña Ferrol-A Coruña ten máis dun século, “unha vergoña”, denunciou,
que se debe ao “absoluto abandono do Goberno central coa cidade de Ferrol” sen
que o goberno local mova un dedo. “Precisamos que se desenvolvan os
investimentos que hai tempo sabemos cales son e materializar cuestións como
duplicar vía, electrificación ou o bypass
en Betanzos”.
Pola súa parte, Jorquera insistiu no abandono da liña
Ferrol-A Coruña, con características máis propias dos camiños de ferro de hai
cen anos que dun ferrocarril do presente,
e citou a inauguración en 1913 do tramo Betanzos-Infesta-Ferrol “que xa
partiu co deseño absurdo e centralista de comunicar Ferrol coa Meseta en lugar
de comunicala coa Coruña”. “Hai que investir para darlle un servizo de
proximidade a unha área e a unha poboación de 600.000 habitantes”, destacou. Departamento de comunicación