MADRID | O Bloque Nacionalista
Galego continúa a súa campaña para reclamar unha mellora nas conexións internas
da Galiza e rexistra iniciativas no Congreso para implantar o servizo
ferroviario de proximidade na Coruña e a súa contorna, incluíndo as conexións
con Ferrol e Santiago. O deputado nacionalista, Néstor Rego, demanda modernizar
as infraestruturas e reactivar os apeadeiros e tramos urbanos da vía que foron
abandonados para dar cobertura aos principais núcleos de poboación.
Na área metropolitana da Coruña concéntrase un grande número de habitantes que,
coas infraestruturas xa existentes, poderían ter acceso a un servizo
ferroviario de calidade para os desprazamentos de proximidade. Nas últimas
décadas, as infraestruturas ferroviarias que atravesan esta cidade non tiveron
melloras significativas e tampouco se iniciou a súa electrificación ou a
construción dunha dobre vía na liña A Coruña-Palencia. De facto, elimináronse
os apeadeiros ferroviarios das Xubias, A Pasaxe ou Guísamo e mesmo a praia de
vías en estacións como a de Cambre que impiden o cruzamento de trens.
“A Coruña xa dispón dos elementos básicos para implantar
un servizo de cercanías, similar aos que xa funcionan na práctica
totalidade das áreas metropolitanas do Estado español” incide Rego. Un servizo
que podería mellorarse coa “electrificación e desdobramento da vía, a
rehabilitación dos tramos abandonados, a reconstrución e acondicionamento dos
apeadeiros ferroviarios, a habilitación de zonas de aparcamento gratuíto na
proximidade das estacións ou apeadeiros, a mellora dos accesos e o aumento de
puntos de cruzamento permitiría poñer en marcha un sistema de frecuencias
intensivo para as proximidades ferroviarias”.
“É preciso apostar pola construción do bypass de Betanzos- que xa
reclamamos nos Orzamentos do Estado- para abrir as portas a empregar o
ferrocarril en toda a zona urbana A Coruña-Ferrol como un medio de transporte
útil e digno e aumentando de maneira exponencial o seu uso” explica o deputado
do BNG. Rego indica a necesidade de restituír os apeadeiros abandonados, e, de
ser necesario, pola apertura de novas estacións “para dar cobertura aos
principais núcleos de poboación” e a habilitación de zonas de aparcamento
gratuíto nas súas proximidades.
En materia tarifaria, debe
destacarse que “a propia Renfe declara que o
Eixo Atlántico é o servizo de Media Distancia que máis beneficios achega
ao operador estatal, obviando que moitos destes servizos prestados e cobrados
como de Media Distancia -e por tanto máis caros-, deberían ser realmente
considerados proximidades”.
“Aplicar unha política tarifaria accesíbel e competitiva é imprescindíbel
se queremos que a xente aposte polo tren como medio de transporte sustentábel, podería
ademais explorarse a posibilidade de incluír o transporte ferroviario dentro
das bonificacións que ofrece a Tarxeta de Transporte Metropolitano da Xunta de
Galiza, así como a instauración doutras bonificacións ou descontos atendendo ao
número de viaxes e características das persoas usuarias” afirma o deputado
nacionalista.
Para o BNG, o ferrocarril é un elemento de xustiza, cohesión e progreso
social, un transporte que axuda a diminuír as diferenzas sociais e económicas
entre persoas e territorios. “Galiza non pode renunciar a un servizo
ferroviario moderno e competitivo debendo poñer as bases para logralo” conclúe
Néstor Rego. Departamento de comunicación