El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Pontón: "Non se entende que despedir sexa igual de barato co PP que cun goberno de PSOE-Podemos"

28-01-2022 12:52:08

SANTIAGO DE COMPOSTELA | O BNG reclama ao Goberno de Pedro Sánchez que cumpra a palabra dada á cidadanía e derrogue integramente a reforma laboral de 2012 para recuperar os dereitos laborais “roubados” á clase traballadora polo PP, tendo en conta que existe unha maioría no Congreso que permite liquidar esa “abrasiva” contrarreforma.  

“Hai unha proposta sobre a mesa que é claramente decepciónante porque non cumpre coa promesa que se lle fixo á cidadanía”, destacou a portavoz nacional, Ana Pontón, para quen “non é lóxico que sexa igual de barato despedir cun goberno do PP que cun Goberno de PSOE-Podemos. Por iso, o BNG reclama “que esa proposta se tramite como proxecto de lei para derrogar integramente a reforma do PP e permita recuperar dereitos como a indemnización de 45 días por ano traballado, para que non haxa barra libre e empresas con beneficios millonarios poidan despedir os seus traballadores e traballadoras”, explicou.  

Desde Lugo, onde acudiu para apoiar a campaña Lugo quere tren, Pontón puxo máis exemplos de dereitos laborais perdidos que se deben recuperar, como a autorización administrativa dos EREs. “Lembro falando con traballadores de VESTAS que nós explicaban que era unha pena que non se tivese derrogado a reforma laboral de 2012, porque nese caso non sería posible que a empresa aplicase un ERE porque precisaría da autorización da Xunta, pero coa proposta que está facendo o Goberno central a situación queda exactamente igual”, argumentou.  

Para a líder nacionalista, o Executivo de Pedro Sánchez ten que “escoller” se quere ou non derrogar a contrarreforma do PP: “Non hai que baixar o listón á hora de defender os dereitos dos e das traballadoras senón subilo, sobre todo cando hai unha maioría no Congreso para derrogar integramente unha reforma que foi abrasiva para os seus dereitos. Sería unha oportunidade perdida non facelo, simplemente deben pesar máis os dereitos da clase traballadora que o interese da patronal da CEOE”, concluíu.  

Pontón fixo estas declaracións en Lugo, onde participou nunha recollida de sinaturas de apoio a campaña emprendida polo Bloque para reivindicar conexións ferroviarias do século XXI tanto para a cidade da muralla como para o conxunto da provincia, acto no que tamén participou o deputado Nestor Rego.  

“É unha reclamación xusta que debe ser atendida polo Goberno do Estado tanto aquí como no conxunto do País, para modernizar unha rede ferroviaria interior desatendida durante décadas con liñas como a de Lugo-A Coruña que está como fai un século. Benvida a chegada do AVE, pero a prioridade da maioría non é reducir unha hora a viaxe a Madrid, senón poder moverse nos seus ámbitos por razóns laborais ou doutro tipo” salientou Rego, quen avanzou que o BNG seguirá dando esa batalla no Congreso.  

Pontón destacou que esta campaña “é de toda a cidadanía que quere poñer o foco en que Lugo non pode perder o tren, senón que ten subirse ao transporte da modernidade, que é sostible, eficiente, o transporte de presente e de futuro”, subliñando que coller ese tren é clave para o desenvolvemento económico e social da cidade e da provincia, “o interior non pode seguir perdendo servizos”, sentenciou.  

De feito, explicou, “cando era pequena collía o tren para desprazarme desde Oural a Sarria e a Lugo, pero hoxe esa estación está pechada, o servizo ferroviario cada vez é menor e non se ten feito o esforzo necesario para que a cidadanía lucense teña un servizo do século XXI e iso é o que reclamamos con esta campaña, coa que queremos acabar coa discriminación que soporta Lugo nesta materia e situalo no mapa ferroviario do futuro”.


Propostas 'Lugo quere tren'
 

Entre as medidas propostas, que se cumpran os prazos nas obras de electrificación e modernización na conexión Lugo-Ourense, modernizar a liña de conexión Lugo- A Coruña, que está sen electrificar, acabar coa discriminación de que Lugo sexa a única capital de provincia sen conexión directa coa capital de Galicia, bastaría cunha obra de 27 quilómetros de vía para conectar as paradas de Curtis e Ordes creando unha traxecto directo desde Lugo a Santiago de Compostela. E para un tren moderno debe ofrecer horarios, frecuencias e tempos de viaxe que permitan usalo para ir traballar, para ir estudar, para facer xestión administrativas que se necesiten ou simplemente por ocio. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias