A CORUÑA | O palacio de María Pita acolleu hoxe o sorteo dos grupos da
Golden Cup de hóckey sobre patíns, que se celebrará na Coruña do 11 ao
17 de abril e reunirá aos mellores equipos de Europa, entre eles o
Liceo, que celebrará ademais o 50 aniversario da súa fundación.
O
Liceo, como anfitrión, foi un dos cabeza de serie e quedou emparellado
no grupo C con Barcelos (Portugal) e Forte dei Marmi (Italia). No grupo A
atópanse Porto e Benfica de Portugal e o Caldes catalán. No grupo B
están o Barcelona, o Sporting de Portugal e o Saint- Omer francés. Por
último, o grupo D quedou formado por Oliveirense (Portugal), Reus e
Noia. Representantes e xogadores dos diferentes equipos participantes
asistiron ao sorteo en María Pita, que contou tamén coa presenza de Joao
Nuno Araujo, representante dos clubs europeos.
O Palacio dos Deportes será o epicentro do hóckey europeo. Trátase
dun escenario ben coñecido por todos os clubs, xa que é a casa do Liceo,
o conxunto deportivo máis laureado de Galicia e un dos equipos de
hóckey con máis historia de Europa. “Por Riazor pasaron os mellores
xogadores da historia, celebráronse campionatos do mundo e de Europa e
xoga o mellor dos clubs do deporte galego”, apuntou a concelleira de
Deportes, Mónica Martínez.
A Golden Cup é unha
competición organizada polos doce compoñentes da EHCA (Asociación
Europea de Clubs de Hóckey). O torneo contará cunha primeira fase de
grupos, que se celebrará do 11 ao 13 de abril. Clasifícanse para os
cuartos de final os dous mellores de cada grupo. As eliminatorias finais
disputaranse os seguintes días ata o domingo 17 de abril, cando está
previsto que se celebre a gran final.
Inés Rey e o seu Goberno municipal apostan de cheo pola celebración
deste novo campionato na Coruña, promovendo o deporte de elite e o uso
de infraestruturas de primeiro nivel como o Palacio dos Deportes para
acoller competicións de primeiro nivel. A cidade estará no foco do
hóckey mundial durante unha semana da man do Liceo. Departamento de comunicación