OURENSE | A
portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse a Ourense para trasladar todo o
apoio do BNG a Luís Seara e Ruth Reza, responsables municipais na cidade das
Burgas, pola seu traballo político desde a “serenidade” e con propostas en
positivo para mellorar a vida da veciñanza, fronte a un goberno local que ten
convertido os plenos “nun circo”. Unha situación da que Pontón responsabilizou
a Feixóo porque, tendo alternativa, permite un alcalde “letal” e ten a cidade
nun completo abandono.
“No BNG cremos na política con maiúsculas, na vocación de
servizo público e na acción política desde a serenidade e centrados no que
precisa Ourense: apostas en positivo para saír adiante, porque se hai unha
cidade abandonada por Feixóo é Ourense”, salientou Pontón. En primeiro lugar,
porque antepón os seus intereses partidistas mantendo un goberno local
instalado no “esperpento”. En segundo lugar, porque Ourense merece máis que
as promesas incumpridas do presidente da
Xunta, ou obras de segunda que son parches, denunciou.
A modo de exemplo, a Avenida Otero Pedrayo, que despois de
máis de 2 millóns de euros non une o campus, non calma o tráfico e non soluciona os problemas
de mobilidade. Tamén fixo referencia á espera de décadas nas conexións dos
parques empresariais pendentes, infraestruturas que teñen deficiencias ao pouco
da súa posta en servizo, ou as carencias en materia sanitaria, desde centros de
saúde que se precisan nos barrios e non se constrúen, pasando polo continuo “parcheo”
no CHUO en lugar de poñer en marcha un centro hospitalario do século XXI como
se fixo noutras cidades, ou a infradotación de persoal en servizos como o de
urxencias.
“Estamos falando do abandono de
Ourense, a terceira cidade galega que ten a Feixóo como máximo responsable tanto
na súa faceta de presidente da Xunta como de presidente do PP”, recalcou.
Fronte a ese abandono, “un BNG empeñado e facer propostas en positivo, en
presentar medidas e iniciativas que permitan mellorar a vida da veciñanza,
afrontando os problemas reais da cidade, e nesa dirección seguiremos
traballando porque somos a alternativa para darlle a Ourense un proxecto de
futuro”.
Neste sentido, preguntada por se o
Bloque pensa emprender accións legais ante a expulsión do Pleno do seu portavoz
municipal, Pontón indicou que a “xudicialización” da vida municipal é unha das
cuestións que máis teñen contribuído á “parálise” da cidade e que a formación
nacionalista non vai contribuír a esa paralización. “A veciñanza sabe quen é o
responsable e desde o BNG non imos movernos un milímetro do noso obxectivo de
seguir traballando pola cidade, porque somos a alternativa a este desgoberno”.
Unha idea na que tamén afondou o
portavoz municipal Luís Seara: “Quero dicirlles ós e ás veciñas que estamos
ocupados e preocupados en solucionar os problemas da xente, en ser alternativa
e non hai nada, nin ninguén que nos vaia facer perder nin un segundo en nada
que non sexa o noso obxectivo, que non é outro que sacar Ourense da situación
de caos e de parálise na que se atopa”. Departamento de comunicación