SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacionalista de Facenda, Noa Presas, acusou no Parlamento
galego á Xunta de impulsar o efecto chamada no sector bancario para recibir
fondos públicos por reabrir os servizos que pecha.
“Da
súa resposta concluímos que o Goberno galego só ten previsto seguir inflando de
cartos á banca privada para que manteña timidamente algúns servizos que está
pechando, un negocio redondo dende o punto de vista empresarial: ti pechas e a
Xunta págache para que abras”, reprobou con severidade ao conselleiro de
Facenda nunha interpelación parlamentaria sobre as medidas previstas polo
Executivo do PP para garantir unha atención presencial mínima no sector para as
persoas usuarias.
“Como
os bancos son tan bos van manter os seus servizos cando saben que hai unha
Administración que lles paga por reabrilos cando os pecha”, incidiu, para a
continuación censurar os tres millóns destinados pola Xunta a Abanca para o
mantemento da súa rede de caixeiros. “Unha entidade que foi rescatada con máis
de 9.000 millóns e que ao ano e medio xa obtiña beneficios non se lle pode
regalar nin un céntimo para que siga incrementando os seus beneficios,
despedindo xente e abusando da sociedade”, recriminou.
Neste
sentido, instou ao Goberno de Núñez Feijóo a deixar de poñerse do lado das
entidades financeiras amigas e poñerse dunha vez por todas do lado das galegas
e os galegos exercendo as súas competencias. Entre outras medidas que o BNG
presentará en breve na Cámara, avogou por que a Xunta poña en marcha
instrumentos de apoio, reforce o Instituto Galego de Consumo (IGC), impulse
demandas colectivas, demande do Estado e exerza a “presión política que ten
como Goberno” para garantir os servizos bancarios mínimos.
Porque,
segundo advertiu a deputada nacionalista, a exclusión financeira non só está
afectando dun xeito “gravísimo” ao colectivo de persoas maiores, senón que a
banca privada está a expulsar ás e aos clientes que non lles interesan,
provocando tamén a exclusión de colectivos vulnerables.
Por
iso, defendeu a urxencia de acometer cambios lexislativos ambiciosos que
garanten a atención bancaria digna porque, segundo concluíu, a pregunta é moi
clara: “o que hai é suficiente para os galegos e galegas, que non poden vivir
sen unha conta bancaria, teñen uns servizos minimamente dignos? A resposta é
non”. Departamento de comunicación