SANTIAGO DE COMPOSTELA | O BNG presenta a campaña con motivo do 8M,
nesta ocasión centrada na denuncia da cousificación
e na sexualización da muller, que persiste a día de hoxe e que mesmo é
normalizada cando desde un ente público como TVE se elixe unha canción, -SloMo-, cuxa letra incide en dar unha
imaxe estereotipada das mulleres, letra que é utilizado pola formación
nacionalista precisamente para facer a súa campaña.
“A pretensión é denunciar que sigue
existindo unha cousificación e sexualización dos corpos das mulleres”, sintetizou a portavoz
nacional, Ana Pontón, a quen lle parece especialmente grave que un medio
público se sume a normalizar esa concepción e esa imaxe a través dunha letra
que a campaña do BNG convida a reescribir.
“Mellor dicir que as mulleres facemos sentir o bun bun dos nosos tambores, que estamos ready-prontas para mudar a realidade das cousas e que somos as que
máis problemas monetarios padecemos, nunha fenda salarial que, lonxe de
diminuír, incrementouse durante a pandemia. Este é o obxectivo da nosa campaña
para este 8M, poñer á vista na discriminación que aínda existe, cada día,
vestida de normalidade, coma se nada pasara”, argumentou a líder do Bloque.
É
necesario denunciar como o machismo e o patriarcado “oficializan” o seu
discurso, consolidando a discriminación das mulleres en todos os ámbitos, nos
materiais e tamén nos simbólicos. “No BNG queremos neste 8M bater con forza
contra a cousificación das mulleres, contra o machismo que continúa a
utilizarnos e a discriminarnos”, recalcou Pontón, e queremos “desenmascara“ ese
machismo utilizando “as ferramentas do
feminismo”.
Porque
as mulleres, recalcou, “non somos cousas, non somos obxectos, nin queremos
seguir sendo discriminadas con máis pobreza, máis paro, salarios máis baixos ou
máis violencias” e, fronte a todas estas formas de discriminación, “a forza do
feminismo e das mulleres” para seguir avanzando, porque “aínda queda moito por
facer e por conseguir” para superar “os teitos de cristal e os chans pegañentos”.
Pontón tamén puxo o foco na violencia de xénero, esa que se exerce contra as
mulleres polo mero feito de selo como forma extrema de discriminación, que hai
que combater sempre e en todo lugar.
Desde
o BNG convidase a repetir unha gran mobilización na rúa para reclamar unha
terra de mulleres poidan ser libres e iguais, con dereitos, con dignidade e con
futuro. Con esta campaña, indicou, “queremos denunciar e abrir o debate sobre a
cousificación das mulleres e como se
ampara, queremos animar a saír as rúas e a organizarnos, estar xuntas este 8M
para impulsar o resto do ano as medidas que necesitamos para avanzar cara unha
sociedade de iguais”.
Para
o Bloque, “a defensa dos dereitos das mulleres forma parte dos nosos cimentos
como organización política e non imos permitir nin un paso atrás no que costou
tanto esforzo conseguir, ao contrario seguiremos traballando en todos os
ámbitos pola igualdade real das mulleres”. Departamento de comunicación