A CORUÑA | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e o
deputado responsable da área de Emprego, José Ramón Rioboo, presentaron hoxe a
nova convocatoria de axudas do Plan de Emprego Local (PEL-2022), que este ano
conta cun orzamento inicial de 7.260.000
euros para apoiar a contratación de persoal, a realización de investimentos nos
negocios e a sufragar os custos das cotas á Seguridade Social por parte dos
autónomos.
"Estamos ante o
PEL cun maior orzamento inicial, xa que todas as liñas de axudas ven
incrementadas as súas partidas con respecto ao ano pasado", afirmou
Valentín González Formoso, que explicou que o PEL 2022 incrementa nun 38% o
orzamento con respecto ao pasado ano e "permitirá seguir creando emprego e
impulsar con axudas de entre 1.200 e
45.900 euros a reactivación económica, o pequeno comercio, as persoas
autónomas e microempresas" nun contexto económico “complexo e adverso”.
Formoso explicou
que, dos 7,2 millóns de orzamento do PEL, 3,5 millóns destinaranse a
subvencionar a contratación e ao mantemento de persoas traballadoras, 2,76
millóns a financiar novos investimentos en pequenas empresas de recente
creación e 1 millón a liña PEL-AUTONOM@S, que tivo unha grande demanda no seu
primeiro ano, polo que en 2022 ve duplicado o seu orzamento.
100 millóns de investimento e 4.500 empregos creados en
seis anos
O presidente
explicou que o PEL é unha aposta transversal do Goberno da Deputación ao que se
destinaron 100 millóns de euros nos últimos seis anos. Grazas a este
investimento sen precedentes na área de emprego, nos 6 anos transcorridos desde
a creación do PEL, a Deputación axudou a crear 4.500 empregos, apoiou a 3500
empresas e creou unha rede de provincial de espazos de coworking que xa conta con once centros en
funcionamento.
As estimacións do
Goberno provincial son que as axudas á contratación permitan crear 300 empregos
este ano, que máis de 500 persoas autónomas podan acceder á subvención das
cuotas da Seguridade Social durante un ano e que máis de 400 pemes reciban o
apoio económico da Deputación ara investimentos que melloren a competitividade
dos seus negocios.
A nova
realidade económica pon de manifesto que non só é importante dinamizar e tratar
de que se poña en marcha o maior número de empresas posible, senón que tamén é
preciso deseñar mecanismos necesarios para apoiar a supervivencia e o
fortalecemento das empresas, mellorando a súa capacidade de resiliencia.
A axilización da
xestión e tramitación das axudas considerouse como un reto no deseño das novas
liñas co fin de axilizar tempos en todas as fases da tramitación, simplificar
ao máximo a documentación a presentar polos solicitantes e que o pago das
axudas realícese o máis axiña posible ás persoas e entidades destinatarias,
facendo coincidir os investimentos, as contratacións e as actividades
subvencionables co ano natural.
Todas as liñas de axudas PEL ven
incrementado o seu orzamento inicial
Co obxectivo de chegar a un
maior número de empresas as axudas PEL 2022 ven incrementado o seu orzamento
inicial nun 38% respecto do ano anterior, pasando de 5,26 millóns de euros a
7,26. Un ano máis todas as
axudas PEL serán compatibles entre si. Deste xeito, unha persoa autónoma con
domicilio fiscal nun concello de menos de 20.000 habitantes podería optar a un
total de 45.900 euros entre as catro liñas.
PEL-Autónom@s, 1 millón de euros para persoas autónomas de concellos de
menos de 20.000 habitantes
A Deputación
da Coruña recoñece o importante papel que xogan os autónomos no tecido
económico provincial. Coa experiencia acadada na convocatoria 2021 e co fin de
chegar a un maior número de
beneficiarios duplícase o orzamento da anualidade 2022 destinado a esta
liña, pasando de medio millón a un millón de euros, tras elevada demanda
rexistrada por parte dos autónomos e autónomas de provincia no ano do seu
lanzamento.
Convócase
unha axuda destinada ás persoas autónomas da provincia con menos de 5 anos de
antigüidade na actividade empresarial e con domicilio fiscal en concellos de
menos de 20.000 habitantes.
As persoas autónomas
poden solicitar unha axuda máxima de ata 2.400 euros para sufragar ata un ano de
cotas á Seguridade Social. Establécese tamén como requisito que o beneficiario
solicite un mínimo de seis mensualidades
de cotas sociais correspondentes o ano 2022.
PEL-Emprende investimento ve incrementado o seu orzamento
inicial en medio millón de euros
A liña PEL-Emprende
Investimento, dotada con 2.760.000 euros, está destinada a autónomos, pemes e
microempresas que conten como máximo con cinco anos de antigüidade e domicilio
fiscal en calquera dos concellos da provincia da Coruña.
As axudas cubrirán
ata o 70% dos investimentos realizados en de aplicacións informáticas,
maquinaria, mobiliario e equipos para procesos de información, cun importe
máximo a conceder de 17.500 euros, sen IVE. Todos eles deben ser elementos
novos e directamente relacionados coa actividade da empresa.
O orzamento desta
liña incrementase de xeito destacable, pasando de 2.260.000€ en 2021 a
2.760.000€ na convocatoria de 2022, o que supón un incremento de máis dun 22%.
PEL-PEMES, axudas á realización de novas contratacións e ao mantemento das
indefinidas
A liña PEL-Pemes
Creación e Ampliación do cadro de persoal adaptase á nova realidade laboral
regulada polo Real Decreto-lei 32/2021, de medidas urxentes para a reforma
laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de
traballo, modificándose o período mínimo subvencionable, que nesta anualidade pasa
a ser dun mínimo de 6 meses.
Cada empresa
poderá solicitar a subvención para a contratación dun/unha traballador/a
durante un período de 12 meses, durante os cales a subvención cubrirá como
máximo o 70% dos custos salariais totais da persoa traballadora. O contrato poderá ter unha duración superior a 12 meses, pero a subvención
cubrirá unicamente os custos correspondentes aos meses do contrato incluídos dentro da anualidade
2022. Se ben o contrato deberá
formalizarse por unha duración mínima de 6 meses. A contía
máxima da subvención a conceder será o 70% dos custes estimados de contratación
co límite de 15.000,00 euros para as contratacións a xornada completa.
Pola súa
banda, as axudas de PEL-Pemes mantemento do cadro de persoal ven duplicado o
seu orzamento inicial, pasando de medio millón a un millón de euros.
O obxecto
desta liña é a concesión dunha axuda para o mantemento do posto de traballo
indefinido creado ao abeiro da axuda PEL-Pemes Creación e Ampliación 2021.
A contía
máxima da subvención a conceder será o 50% dos custes estimados de contratación
co límite de 11.000 euros polo mantemento durante doce meses dun contrato
indefinido a xornada completa no que a persoa contratada pertenza a algún dos
colectivos vulnerables (inscrito como desempregado de longa duración nos
Servizos Públicos de Emprego, muller, menor de 30 anos, maior de 45 anos ou
persoa con diversidade funcional) e de 10.000 euros polo mantemento durante doce
meses dun contrato indefinido a xornada completa ou a parte proporcional
correspondente naquelas contratacións realizadas a tempo parcial.
En ambas
axudas de PEL-Pemes amplíanse os conceptos de gasto subvencionables, xa que
ademais de sufragar os soldos e salarios e a seguridade social a cargo da
empresa tamén inclúense, entre outros gastos sociais, os relativos á prestación
por Incapacidade Temporal (IT) a cargo do empresario.
A presentación de
solicitudes permanecerá aberta desde o 11 de abril ata o 11 de maio ás 14.00
horas e realizarase de xeito telemático, a través da plataforma SUBTeL da Deputación.
O Plan de Emprego
Local, posto en marcha polo Goberno provincial en 2016, creou máis de 4.000
novos empregos desde os seus inicios ata a actualidade e supón unha aposta
estratéxica polo emprendemento e a creación de novos postos de traballo sen
precedentes na historia da Deputación da Coruña. Departamento de comunicación