A CORUÑA | O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, participou hoxe na inauguración da trixésimo primeira edición da Mostra do Encaixe
Deputación da Coruña, celebrada no pavillón Víctor Vigo de Camariñas. No acto
destacou a aposta da Deputación por este evento ao longo das últimas décadas para
facer de Camariñas “unha referencia da Semana Santa en Galicia”.
“É unha
honra que un dos eventos con máis tradición e arraigo da Semana Santa en
Galicia leve o apelido da Deputación da Coruña”, afirmou Formoso no seu
discurso inaugural, no que que destacou “o traballo conxunto durante tres
décadas” do Concello de Camariñas e a institución provincial “para dar á Mostra
do Encaixe relevancia nacional e internacional”.
Unha homenaxe ás palilleiras
O
presidente da Deputación sinalou que, ademáis de promocionar a nosa artesanía e
tradición, a Mostra “é tamén unha homenaxe ás palilleiras, depositarias deste
gran legado cultural e patrimonial, con séculos de historia que é o encaixe de
Camariñas”. “Porque
dentro e fóra das nosas fronteiras, dicir encaixe é dicir Camariñas”, remarcou Formoso, “e
iso é froito do traballo de moitas xeracións de palilleiras que soubestes
manter viva a tradición. Grazas a iso, hoxe Camariñas exporta moda, vangarda,
artesanía e e cultura”, apuntou.
O
presidente da Deputación tamén quixo facer referencia ao relevo xeracional
desta tradición. “É unha satisfacción ver como nun mundo tan dixitalizado hai
avoas e nais que manteñen viva a tradición e nenos e nenas que devecen por
continuala, por seguir innovando e facer chegar esta arte dos bolillos a todos
os recunchos do mundo”, afirmou.
Finalmente,
Formoso saudou o regreso das delegacións internacionais á Mostra “porque marca
o fin dunha etapa escura e triste para dar paso a un novo horizonte de
esperanza”, sostivo. Na xornada
inaugural, ademais do presidente provincial, participaron tamén a alcaldesa de
Camariñas, Sandra Insua, a subdelegada do Goberno, María Rivas, e o delegado da
Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor.
Ata o
domingo, o municipio será a sede da Mostra, que contará cun total
de 12 grandes firmas, 12 participacións da sección ArtEncaixe, 25 noveis deseñadores, o
novidoso espazo de VodaEncaixe, encontros de palilleiras, os concertos de
Xabier Díaz, Irma Macías ou El Combo Dominicano, música tradicional e máis. Na xornada
de hoxe tivo lugar o desfile PequeEncaixe e a pasarela de Grandes Deseñadores,
coa actuación de Irma Macías para recadar fondos para a Asociación Ataxia STOP
FA. Departamento de comunicación