NARÓN | O Concello e a Asociación de Veciños “A Naveira”, de Doso, organizan unha nova edición da Festa do lisco de Doso. A concelleira de Festas, Natalia Hermida, deu a coñecer o programa da convocatoria acompañada por Eloy Ameneiros, José Luis Merlán e Severo Castro, vogais da citada entidade. A celebración terá lugar o vindeiro 14 de maio na pista polideportiva de Doso, donde se instalará unha carpa para a ocasión, tal e como avanzou Hermida.
Dende a organización explicaron que o menú previsto para a xornada será a base de paella, liscos á brasa, pan, cachelos, bebidas, café e bola. As persoas interesadas en asistir poden adquirir xa os tickets no local social –ata o 10 de maio-, a un prezo de 15 euros para os mecados por socios da AVV “A Naveira” e de 20 para os adquiridos por non socios. O horario de apertura do local social é de luns a sábado de 12.00 a 22.00 e os domingos de 12.00 a 18.00 horas. O evento comezará ás 13.00 horas, para continuar co xantar e o baile.
A Festa do lisco de Doso contará tamén cun apartado musical, que comezará coa sesión vermú ao mediodía, na que actuará o Dúo Horizonte, e baile despois do xantar. Dende o Concello e a entidade veciñal de Doso animaron ás veciñas e veciños de Narón e doutros concellos a acudir a esta cita gastronómica e musical desta parroquia naronesa. “Este ano podemos celebrar de novo esta festa tradicional, que perdura no tempo grazas ao traballo e á implicación das veciñas e dos veciños de Doso, aos que quero agradecer que manteñan viva esta festa popular”. Departamento de comunicación