LUGO | A Deputación de Lugo inaugura esta fin de semana a segunda edición do programa de turismo activo e de aventura Actívate nos concellos de Ribas de Sil e A Pontenova con actividades vinculadas ao sendeirismo e á espeleoloxía.
A través desta iniciativa, a institución ofrecerá as fins de semana ata xullo un total de 26 actividades gratuítas para todos os públicos ao aire libre noutros tantos concellos da provincia co dobre obxectivo de seguir apoiando ao sector turístico, a hostalería e o comercio e, ao mesmo tempo, avanzar nun modelo de turismo de calidade e sostible, que pon en valor o rico e diverso patrimonio da provincia e que dinamiza a economía e o emprego, sobre todo no rural.
As inscricións ábrense progresivamente todos os venres, cunha semana de antelación, ata completar o calendario. Polo tanto, mañá mesmo, a Deputación abre o prazo para anotarse nas vindeiras propostas: iniciación á escalada, en Baleira, o 7 de maio, e agroturismo e introdución á apicultura, en Láncara, o día 8. As persoas interesadas poden anotarse na web. Para máis información, poden enviar un correo electrónico a activate@deputacionlugo.org ou chamar ao teléfono 982.26.02.35.
A segunda edición do programa Actívate ofrecerá en 26 concellos da provincia actividades gratuítas, ao aire libre e para todos os públicos vencelladas ao turismo deportivo e de aventura, como sendeirismo, surf, piragüismo, kaiak, vela, trekking, escalada ou equitación. Na primeira edición, esta iniciativa tivo unha gran acollida, esgotando as prazas nun breve espazo de tempo.
Actívate súmase a outras iniciativas que ten en marcha a Deputación de Lugo cos mesmos obxectivos de apoiar ó tecido produtivo vinculado ao turismo, á hostalería e ao comercio, e, ao mesmo tempo, favorecer un turismo de calidade e sostible. É o caso do programa Coñece a túa Provincia, do que se beneficiarán unhas 3.000 persoas de 135 asociacións entre esta primavera e o outono; as 16 rutas gratuítas polo románico da provincia que organizou en maio a institución con motivo do Día da Transrománica; ou tamén o programa Saborea a túa Provincia, unhas xornadas de lecer e gastronómicas que terán lugar en agosto. Departamento de comunicación