A CORUÑA | Os XXVI Premios de Teatro María Casares xa teñen finalistas. A compañía de teatro de vangarda Voadora, dirixida por Marta Pazos, suma un total de oito candidaturas con Othello,
a súa transgresora versión do clásico de Shakespeare. A adaptación do
libreto, asinada polo dramaturgo ourensán Fernando Epelde, está
atravesada pola posverdade e as violencias machistas.
Tamén, tal e como é habitual nas propostas de Pazos, a hibridación de
linguaxes e a plástica teñen especial protagonismo na escena.
A peza, celebrada por público e crítica desde a súa estrea absoluta en Madrid o pasado mes de maio, opta aos galardóns de Mellor Dirección (Marta Pazos), Mellor Actor Secundario (Hugo Torres), Mellor Adaptación/Tradución (Fernando Epelde), Mellor Música Orixinal (Hugo Torres), Mellor Escenografía (Marta Pazos, quen tamén é finalista na mesma categoría polo seu traballo en Mellor Iluminación (Nuno Meira), Mellor Vestiario (Silvia Delagneau) e Mellor Maquillaxe (Silvia Delagneau).
O espectáculo, unha coprodución de Voadora coa MIT Ribadavia, o
Teatro de La Abadía e o Teatro Nacional São João de Porto, pretende por
o foco nas personaxes femininas e atacar a crudeza do Othello
desde a pulsión xerada por binomios como a verdade e a mentira ou o
público e o íntimo. A creación poderase ver, nas vindeiras semanas, no
alemán 39º Heidelberg Stückemart (8 de maio), no Teatro Nacional São João de Porto (21 e 22 de maio), no Pazo da Cultura de Narón (28 de maio) e, finalmente, no Teatro Principal de Ourense (9 de xuño). Nas súas citas galegas, a actriz María Vázquez introducirase na pel de Desdémona, acompañada sobre as táboas polos intérpretes Pablo Chaves, Ana Esmith (Miss Beige), Chumo Mata, Hugo Torres e Diego Anido.
‘Hoax Hamlet'
Por outra banda, o vindeiro 5 de maio Voadora presentará a súa nova creación, Hoax Hamlet. A peza, dirixida por Hugo Torres -intérprete, músico e director artístico da troupe-, e coa que compañía celebra 15 anos sobre os escenarios, terá a súa estrea estatal no marco da nova edición do festival Escenas do Cambio. “Hoax Hamlet
é unha fábula, un monstro, unha historia de amor, un fillo. É teatro,
pero tamén é outra cousa”, avanza Hugo Torres, quen tamén asina, xunto a
Fernando Epelde e Diego Anido, a dramaturxia da obra. “Esta peza é unha
homenaxe ao noso equipo técnico, ás persoas que traballan habitualmente
con nós e que, en xeral, nunca vemos sobre un escenario”, sinala o
director.
A Compañía
Unha mirada irreverente e
unha coidada posta en escena caracterizan o traballo de Voadora. Baixo a
dirección de Marta Pazos, a compañía galega aposta pola investigación
na creación contemporánea cun equipo formado por artistas
complementarios de diferentes disciplinas cuxa hibridación resólvese, en
cada peza, nun acto de profundo e sinceiro amor pola arte. A visión
ética do traballo teatral, o coidado exquisito de cada elemento e unha
fonda reflexión sobre a realidade desde as periferias caracterizan a
Voadora, capaz de transformar a contorna do público para presentar
montaxes únicas nas que a compañía, unha potente máquina de xerar
experiencias e preguntas sen resposta, deixa sempre o seu sinal. Departamento de comunicación