MADRID | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantén
unha reunión co Secretario Xeral da CIG, Paulo Carril, e o Secretario
Confederal de negociación colectiva da organización sindical, Francisco X.
González Sío, para presentar de forma pública as emendas presentadas ao
Proxecto de Lei de impulso dos plans de pensións de emprego. Ambas
organizacións alertan de que isto supón avanzar na privatización do sistema
público de pensións por parte do executivo estatal, e reforzan a necesidade de
exercer presión social para que impedilo. Avanzan as emendas rexistradas ao
Proxecto de Lei co obxectivo de evitar a dinámica de privatización das
pensións.
Este Proxecto de Lei fai parte do
proceso de reforma das pensións que está a levar a cabo o Goberno do Estado, e
vai en correlación coa aprobación da non Reforma Laboral que mantén os aspectos
máis lesivos das reformas de PSOE e PP. Previamente, lembrou o deputado do BNG,
xa houbo unha reforma das pensións que tamén consolidaba o empeoramento das
condicións introducidas pola reforma de 2011 e adiantaban outras dúas medidas:
a creación dos fondos de emprego e a posibilidade dun novo período de cálculo
de 25 para 35 anos. Isto suporá a caída das pensións en 15-20%.
“Nesta propaganda que venden como
progresista entra a creación de fondos de pensións que pretende estender un
sistema de pensións mixto, semi privado, para que o sistema público de pensións
pase a ser o complementario e o sistema privado sexa o fundamental” enfatiza
Rego. As pensións públicas pasarían a ser un apoio para as persoas que tivesen
unha menor prestación: “esta é a pretensión final do proxecto e, tanto o BNG
como a CIG, rexeitamos desde o primeiro momento porque entendemos que é unha
forma de privatizar as pensións”.
De facto, o BNG xa presentara
unha emenda á totalidade de devolución do proxecto porque entenden que “todos
os mecanismos públicos teñen que camiñar na dirección de fortalecer o sistema público
de pensións”. Este novo fondo vinculado á negociación colectiva, supón diferir
parte do salarios das e dos traballadores para un plan colectivo de xestión privado
e, polo tanto, sairá dos salarios da clase traballadora. “Xusto entra para o
seu debate nun momento de crise económica, con enormes dificultades neste
momento, e supón estabelecer un mecanismo de diferenciación entre os propios
traballadores e traballadoras de diferentes sectores” salienta Rego.
“Parécenos inaceptábel que o
propio Goberno do Estado anuncie que incentivará este tipo de plans de
pensións” recrimina o deputado do BNG. Así mesmo, alerta da entrada do sector
bancario para a administración destes plans de pensións.
No relativo ás emendas parciais,
Rego ten como obxectivo “evitar esa dinámica de privatización” que pretende o
executivo estatal. Por exemplo, emendas para que este fondo sexa xestionado
directamente pola Tesouraría da Seguranza Social “en lugar de apostar por
darlle esa xestión ás entidades financeiras privadas e aos bancos como axentes
que xestionen estes plans de pensións de emprego”.
En segundo lugar, a organización
nacionalista demanda que os cartos se depositen nunha entidade pública.
“Falamos do ICO porque lamentabelmente no caso do Estado español houbo un
proceso de privatización das entidades bancarias e, polo tanto, este organismo
é o que pode facer esa función” destaca Rego lembrando tamén q reivindicación
do BNG de impulsar unha Banca Pública Galega.
Por último, Rego destaca as
emendas rexistradas ao Proxecto de Lei co obxectivo de que poida existir un
control público da xestión destes fondo en vez de crear novos mecanismos. “Xa
existen mecanismos tripartitos neste momento, garantindo que os sindicatos
tamén poidan participar destes fondos de pensións de emprego” reivindica.
“Reafirmámonos na necesidade de
reforzar o sistema público de pensións posto que é o único mecanismo
igualitario, así como na necesidade de mellorar e recuperar a idade de
xubilación aos 65 anos, a xubilación voluntaria a partir dos 60 anos sen
penalización ou a partir dos anos legais cotizados” enumera o deputado do BNG.
Rego espera que exista a suficiente presión social para que o Goberno de PSOE e
UP recúen na súa pretensión de privatizar o sistema público de pensións.
O secretario xeral da CIG, que
agradeceu ao BNG ter presentado este paquete de emendas, rexeitou a pretensión
do goberno do PSOE e Unidas Podemos de introducir ese sistema mixto
público-privado porque ten como obxectivo último ir “borrando” o sistema
público de pensións e substituílo por un “sistema de capitalización”.
Carril encadrou este novo sistema
que se pretende implantar, no mesmo saco que o chamado Pacto de Rendas e o
Acordo Estatal de Negociación Colectiva que, denunciou, “teñen como obxectivo a
moderación salarial” nun contexto de enorme carestía da vida e coa inflación
disparada.
Neste sentido advertiu que vai
supor un “enorme retroceso nas condicións de vida e impedir un final de vida
cunha pensión digna”. Máis en Galiza, que ten a segunda pensión media máis
baixa do Estado, en 1.057 euros, pero cunha fenda maior coas provincias do interior,
nomeadamente Ourense que, cunha pensión media de 800 euros, está á cola de todo o
Estado e Lugo, onde non chega nin aos 1.000 euros.
O secretario xeral da CIG
alertou, por iso, do enorme impacto que terá esta reforma que se pretende
acometer e afirmou que con ela preténdese atender a “unha das exixencias da UE
para acceder aos fondos Europeos”.
Acusou aos sucesivos gobernos no
Estado de ir “desmantelando o estado de benestar” e de o ir substituíndo por
outro “moi inxusto” no que se van eliminando todos os elementos de
redistribución.
Considerou que se pretende deixar
o sistema público de pensións como un sistema “asistencial, de beneficencia” e
que os ingresos principais procedan dese fondo privado. Lembrou que cuns
salarios empobrecidos, a clase traballadora xa está contribuíndo á Seguridade
Social e denunciou que o que se pretende é “que cobremos menos para contribuír
a ese privado”.
Negociación colectiva
O Proxecto de Lei de Promoción dos
Fondos de Pensións de Empresa contempla que sexa a través da negociación
colectiva como se vaia implantando nas empresas. Un mecanismo que puxo en
cuestión Paulo Carril pola grande estratificación e a precariedade laboral que
hai en amplos sectores da clase traballadora en Galiza. Sectores aos que moitas
veces “non somos capaces de chegar”, o que impide que teñan bos salarios e,
moito máis, boas pensións.
O secretario xeral da CIG
rexeitou tamén que as entidades depositarias e xestoras deste Fondo sexan do
sistema financeiro, do que lembrou o seu papel como causante da crise
financeira de 2008. Por iso apostou porque saian adiante as emendas canalizadas
polo BNG para “impedir e reducir á mínima expresión esta ameaza”. Departamento de comunicación