El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

POLÍTICA

Proposición de Lei para a recuperación e ampliación dos dereitos laborais

Comunicado de Esquerra Republicana, EH Bildu e BNG.

13-05-2022 17:08:52
Néstor Rego, deputado do BNG.

MADRID | As forzas políticas que subscribimos este comunicado apreciamos como necesaria e urxente a recuperación e ampliación de dereitos sociais e laborais ausentes na lexislación vixente. En especial, cuestións básicas e prioritarias relativas á protección fronte aos despedimentos e ao combate contra a precariedade no ámbito do traballo.

Constatamos que non se derrogou a maior parte dos aspectos introducidos polas reformas laborais de 2010 e 2012 e consideramos que a última modificación lexislativa, aprobada polo goberno en data 28 de decembro de 2021 mediante Real Decreto-lei 32/2021, omitiu varios dos ámbitos que resultaba imprescindible emendar. Por este motivo e co fin de complementar a devandita iniciativa lexislativa do goberno, con total vontade de colaboración con todos os actores que compartan a aspiración de garantir mellores dereitos aos e as traballadoras, rexistramos a presente Proposición de Lei.

O noso obxectivo é transformar o mercado de traballo e, con el, as condicións de vida das persoas traballadoras. Para tal finalidade, mentres os nosos países non alcancen a plena soberanía, traballaremos para construír un novo marco xurídico no estado que sexa realmente garantista cos dereitos laborais de todos os e as traballadoras e respectuoso coa realidade socioeconómica e sindical das nacións que compoñen o estado.

Esquerra Republicana, EH  Bildu e BNG expomos nesta proposta, entre outras modificacións: un aumento das indemnizacións, a modificación das causas de despedimento, a recuperación dos salarios de tramitación, a  re instauración da autorización administrativa en caso de despedimento colectivo, novas medidas para combater a precariedade, a parcialidade e a inestabilidade no traballo, modificacións no ámbito da subcontratación para unha equiparación real de dereitos e unha fortalecemento da negociación colectiva.

Esta iniciativa constitúe unha plataforma que debe servir, a criterio dos propoñentes, como punto de partida dun proceso amplo de debate, negociación e acordo entre os distintos axentes sociais, sindicais e políticos. A iniciativa exposta aspira a resultar compatible e non excluínte cos proxectos anunciados polo ministerio de traballo e economía social. O noso propósito é a consecución dun acordo social e parlamentario que permita aprobar unha nova Lei ambiciosa e efectiva que dea resposta ás demandas das persoas traballadoras en materia de lexislación laboral.

Por todo iso, facemos un chamamento ás deputadas e deputados do Congreso para que se configure novamente unha maioría ampla co concurso dos partidos que forman parte do goberno e das forzas soberanistas e de esquerda. Entre todas, debemos posibilitar a tramitación parlamentaria desta Proposición e, con ela, o inicio do novo proceso de debate, negociación e acordo para a recuperación e ampliación dos dereitos laborais do conxunto das persoas traballadoras do estado. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias