A CORUÑA | A Deputación da Coruña
concedeu 1.666 axudas directas para paliar o impacto do incremento do custo do
combustible a tras sectores estratéxicos da provincia especialmente afectados:
o agropecuario, o pesqueiro e o do transporte de mercadorías.
O
presidente provincial, Valentín González Formoso fixo hoxe balance dos resultados
da tramitación desta liña de subvencións coa que a Deputación se converteu hai
unhas semanas na primeira administración de Galicia que paga axudas directas a
estes tres sectores, esgotándose en menos de 24 horas os 5 millóns de crédito
dispoñibles ao recibirse máis de 4.500 solicitudes.
González
Formoso, que se reuniu previamente co equipo do departamento de Promoción Económica
para agradecerlles a boa e áxil xestión que levaron a cabo para a tramitación
destas subvencións, valorou a rapidez coa que se concederon as axudas,
destacando que “fomos quen de empezar a pagalas nun tempo récord de entre 7
horas e, como máximo, 11 días desde que presentaron a súa solicitude”.
Pago
en tempo récord
A
día de hoxe a Deputación concedeu axudas directas de 3.000 euros a 1.666
solicitantes e ingresou xa a meirande parte delas, concretamente a 1.281
pemes, microempresas e persoas autónomas. As restantes solicitudes
concedidas atópanse xa en trámite de pago e recibirán o ingreso na conta
sinalada ao efecto nos vindeiros días.
A meirande parte das solicitudes concedidas proveñen do
sector do transporte de mercadorías, cun 40,2% do total, seguido do sector
gandeiro (28,2%), o agrícola (26,5%) e o pesqueiro (3,3%).
O 70,2% das solicitudes concedidas foron presentadas por
profesionais autónomos, mentres que o 29,8% restante proveñen de pemes e
microempresas con actividade profesional nestes sectores.
Dos
5 millóns de euros presupostados nesta liña de medidas urxentes xa se teñen
pagado preto de catro e o importe restante será ingresado nos vindeiros días
aos restantes beneficiarios.
Atendendo á distribución por
concellos onde radica o domicilio fiscal das empresas e persoas autónomas
beneficiarias, o de Santiago é o que máis solicitudes concedidas ten,
por un importe total de 246.000 euros, seguido dos concellos de Santa Comba e
Mazaricos con 189.000 euros e 180.000 euros respectivamente.
Por comarcas, a
de Santiago de Compostela é a que conta cunha maior cifra de solicitudes
concedidas, con 645 por un importe de 1.935.000 euros, seguida de A
Coruña por un importe total concedido de 777.000 e Bergantiños con 741.000
euros. Pola súa banda, a comarca de Ferrol conta con 141 solicitudes concedidas,
por importe de 423.000 e a de Barbanza con 126, por importe de 378.000 euros.
Máis de 3.000
solicitudes para as axudas do PEL
Valentín González Formoso tamén
adiantou hoxe que un total de 3.209 empresas e persoas autónomas da provincia
da Coruña presentaron este ano as súas solicitudes para optar ás axudas PEL
2022 da Deputación da Coruña, que este ano contan cun orzamento de 7,2 millóns
de euros. O prazo de recepción de solicitudes permaneceu aberto desde o 11 de
abril ata o 11 de maio, ás 14.00 horas.
A meirande parte
das solicitudes dirixíronse á liña de PEL-Autónom@s, consolidándoa
como a liña máis demandada, con un total de 1.174 solicitudes.
A través
desta liña as persoas autónomas optan a unha subvención de ata 2.400 euros para
sufragar ata un ano de cotas á Seguridade Social que xa non estean suxeitas a
ningunha bonificación.
A axuda de PEL-Emprende
investimento recibiu 1.018 solicitudes e, no caso das liñas de PEL-PEMES
as axudas á contratación chegaron a 837 solicitudes e as de mantemento
do cadro de persoal recibiron 204 solicitudes.
Co
obxectivo de chegar a un maior número de empresas as axudas PEL 2022 ven incrementado
o seu orzamento inicial nun 38% respecto do ano anterior, pasando de 5,26
millóns de euros a 7,26. O
PEL é unha aposta transversal do goberno da Deputación ao que se
destinaron 100 millóns de euros nos últimos seis anos. Grazas a este
investimento sen precedentes na área de emprego, nos 6 anos transcorridos desde
a creación do PEL, a Deputación axudou a crear 4.500 empregos, apoiou a 3.500
empresas e creou unha rede de provincial de espazos de coworking que xa conta
con once centros en funcionamento.
Un ano máis o PEL permitirá seguir
creando emprego nun contexto económico adverso, con axudas que poden alcanzar
os 45.900 euros para persoas autónomas de concellos de menos de 20.000
habitantes, xa que todas as axudas PEL2022 son compatibles entre si. Departamento de comunicación