NOIA | O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia vén de publicar hoxe na súa páxina web as bases do I Premio Internacional de Composición Portus Apostoli,
un certame innovador que nace ao abeiro do festival coa intención de
promover e ampliar o repertorio das obras para arpa e orquestra. O
galardón, que conlevará unha achega económica de 2.000 euros para a
composición gañadora, suporá a estrea da obra, en concerto, da man da
Real Filharmonía de Galicia o ano que vén.
A convocatoria do Premio Portus Apostoli, que
conta coa colaboración de Turismo de Noia, está aberta desde hoxe e até o
vindeiro 23 de decembro de 2022 a todas e todos os compositores de
calquera nacionalidade e sen límite de idade. Un xurado internacional,
conformado por arpistas e directores de orquestra de recoñecido prestixio,
será o responsable de valorar e premiar as creacións, nas que se terán
en conta, entre outros aspectos, a proposta creativa; o tratamento da
técnica e da escritura para arpa -así como da orquestración-; a
coherencia, proporción e equilibrio no traballo técnico; ou o equilibrio
entre dificultade e resultado musical. Ademais, o tribunal valorará
positivamente aquelas obras con referencias á música ou á cultura
galega.
Cada compositora ou compositor poderá presentar unha soa obra, que deberá ser orixinal e inédita,
de xeito que non poderán participar no certame pezas creadas froito dun
encargo remunerado, premiadas noutro concurso ou que fosen
interpretadas anteriormente en concertos ou actos públicos. A nova
composición será de tema libre, deberá estar escrita para arpa e orquestra (sen medios electroacústicos) e poderá ter unha duración de entre 10 e 15 minutos. Para máis información sobre as bases e o Premio Portus Apostoli, que se fallará antes do 15 de febreiro de 2023, pódese visitar a páxina web oficial do festival.
IX Noia Harp Fest
A novena edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa, celebrarase do 3 ao 7 de agosto.
No seu cartel conflúen artistas de ámbito galego, estatal e
internacional, de estilos diversos mais unidos pola interpretación
musical a través da arpa. Artistas e agrupacións como Savourna
Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán, Kora Jazz Trío, Clotilde
Trouillaud, Paula Ceremuzynksa, Manuel Vilas, Beatriz Martínez, Rafa
Fernández Trio ou Bleuenn le Friec formarán parte da nova edición dun evento no que a veciñanza gozará tanto ao aire libre -Praza
do Tapal- coma no interior de recintos culturais da vila -Igrexa de
Santa María A Nova, Teatro Coliseo Noela- de concertos singulares e
dunha notable calidade artística.
Noia Harp Fest, que dirixe o
arpista Rodrigo Romanía, conta co patrocinio do Concello de Noia, coa
colaboración de Cabaniñas do Bosque e da distribuidora dixital de música
Altafonte, ademais do apoio do Liceo de Noia e da Asociación Terra de
Outes. Departamento de comunicación