El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | FONDOS NEXT GENERATION

Carmela Silva: "Non hai futuro sen política industrial e sen innovación"

20-05-2022 13:00:23
II Foro Industrial de Fondos Europeos.

PONTEVEDRA | “Un período histórico complexo no que nos enfrontamos a un cambio de paradigma socioeconómico e medioambiental que temos que enfrontar desde o coñecemento e a innovación”. Así foi como a presidenta da Deputación, Carmela Silva, definiu hoxe a realidade actual no II Foro Industrial de Fondos Europeos de Recuperación, organizado pola Asociación de Industrias do Metal e Tecnolóxicas Asociadas de Galicia (Asime). Unha situación para a que se mostran vitais os Fondos Next Generation para a recuperación, cuxas oportunidades históricas poderán aproveitarse ao máximo en Galicia grazas “ao talento e a cultura do emprendemento” que existe no territorio.

Carmela Silva participou na apertura institucional, nunha mesa na que tamén estiveron a vicepresidenta de Asime, Rebeca Acebrón; a directora territorial de Banco Santander, Rocío Pazos; o director xeral do Igape, Fernando Guldrís, e o delegado do Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades. Nesta segunda edición do foro abordáronse as oportunidades que se presentan a través de proxectos estratéxicos como os PERTEs, a nova convocatoria de Horizonte Europa ou outros instrumentos para canalizar o financiamento europeo para a recuperación, que deixará en España 140.000 millóns de euros para reparar os danos económicos e sociais causados pola pandemia. 

Ademais, neste encontro, a presidenta provincial declarouse “optimista” ante a situación que se presenta, pois as empresarias e empresarios da provincia teñen “proxectos potentísimos e grandes ideas”, polo que xa hai tempo que están implementando todo aquelo que é fundamental para “persistir, crecer e liderar os cambios aos que nos enfrontamos”. Nese sentido, lembrou o proxecto IN 4.0., que desenvolveu a Deputación a proposta de Asime e que tiña por obxectivo analizar as necesidades do sector naval para  adaptar o seu modelo de negocio ás novas tecnoloxías 4.0. Este proxecto púxose en marcha no 2017 e, agora, esas necesidades son “os obxectivos do PERTE do naval”. 

Carmela Silva quixo destacar a relevancia que van ter os dos principais Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (PERTEs) para as empresas e industrias dos sectores máis relevantes de Galicia, como o do naval, o do vehículo eléctrico e conectado, o aeroespacial ou o das enerxías renovables. “É un momento difícil pero moi apaixonante. Temos que traballar xuntos e xuntas para lograr ese cambio que vai permitir un maior crecemento económico e unha maior xeración de riqueza”, asegurou, ao tempo que recordou que é tempo de deixar o ruído que “xa non sirve para nada”. “É o momento de traballar, de crear, de ilusionarnos e de ser capaces de ser elementos transformadores”, para o que confía que, malia ser “un gran reto”, entre todas e todos “o imos conseguir”. Entre outras, lembrou as posibilidades que ofrece a enerxía fotovoltaica en Galicia, que “vai ser unha gran revolución na industria, xerando moita actividade económica e emprego” e pola que se debe “apostar máis” e aproveitar as oportunidades do territorio galego.  Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias