LUGO | A
alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de Xuventude e
Deportes, Mauricio Repetto, presentaron hoxe o programa que este
ano dará vida á XXI edición do Arde Lucus os días 9, 10, 11 e 12 de
xuño. Trátase, segundo explicou a rexedora da edición máis especial e
agardada, tras dous anos de restricións por motivo da pandemia, así como
a máis patrocinada da historia desta cita. “Será a edición na que
contemos con maior respaldo tanto público como privado, empezando polo
propio Concello, pero hai que salientar tamén o apoio do tecido
empresarial da cidade, que demostra a implicación e repercusión do Arde
Lucus para o municipio”, explicou.
Así
mesmo, Lara Méndez explicou que “estamos nunha etapa moi ilusionante
porque queremos acadar o distintivo de Festa de Interese Turístico
Internacional, para o que focalizamos os esforzos nos últimos dous anos,
de xeito que, nesta edición, ademais de recuperar todo o seu esplendor
consigamos dar ese paso último para poñer esta cita no mapa
internacional”.
Neste
senso, a rexedora destacou o alcance social, turístico e económico da
festa de recreación histórica. “O Arde Lucus é un magnífico escaparate
de cara a promoción turística de Lugo, trátase dun motor imprescindible
para axudar ao desenvolvemento da nosa cidade e para que cada vez mais
xente nos coñeza e nos visite”, apuntou.
A
programación deste ano inclúe 400 actividades de animación de rúas,
obradoiros para nenos e adultos, vodas celtas, recreación de loitas,
desfiles, circo e un amplo etcétera. “En total, serán unhas 100
actividades diarias, que encherán de vida as rúas da nosa cidade e nas
que participarán as 19 asociacións de recreación histórica de Lugo,
parte indispensable da cita”, remarcou a alcaldesa.
Entre
as novidades, Lara Méndez destacou un espectáculo pioneiro en Galicia
de realidade aumentada en 5D que albergará A Mosqueira, a través do que
se tematizará en tempo real a época de esplendor de Lugo no século I,
recreando a muralla romana na súa altura orixinal, con romanos paseando
no adarve, permitindo aos espectadores integrarse na época, axudando a
achegar a historia de Lugo a través das novas tecnoloxías.
Así
mesmo, a Capela do Carme, acollerá por vez primeira unha obra de
teatro, “O rato da biblioteca”, na que participarán todas as asociacións
de teatro de Lugo. A rexedora tamén lembrou outra das
actividades estrela como son os concertos de balde, na praza de Santa
María de Saor Patrol, o 11 de xuño, e das Tanxugueiras, o domingo 12,
que suporá o broche de ouro a unha edición histórica.
O
concelleiro de Xuventude sinalou que, esta edición, como é costume terá
un fío condutor narrativo da festa, a través de actos oficiais nos que
participan todas as asociacións para a internacionalización
do evento desde o momento no que as tropas romanas entran na Ponte
Romana, ata o acto final da firma da paz entre os romanos e as tribos
castrexas. No programa verase reflectida a recreación histórica que
poderán presenciar os visitantes para que poida dar sentido á historia
que se tenta recrear nestes tres días e así poder comprender os actos
que van tendo lugar dentro dun contexto histórico.
Regreso de dúas actividades estrela: o circo romano e a carreira Mvrvs Lvcis
Ao
longo de tódolos días haberá un sen fin de actividades que farán
revivir o pasado romano da cidade, levando a lucenses e visitantes
séculos atrás ata o que era a antiga Lucus Augusti. Unha das grandes
citas terá lugar, o sábado co Circvs Romano na Explanada do Pavillón
Municipal. Solo se poderá acudir con entrada, en venta a través da
páxina web: www.entradaslugo.es.
Tamén, como prato forte, está incluído na programación o desfile de
colexios, no que participaran preto de 3.000 nenos e nenas da cidade, de
19 colexios e as AMPAS. Así mesmo, A carreira Mvrvs Lvcis voltará a
retar a romanos e castrexos polo adarve da Muralla, podendo inscribirse a
través de: www.formulario.xuventudelugo.gal.
No
programa xeral do Arde Lucus mantéñense as actividades estrela doutras
edicións, como os campamentos, os desfiles, a queima da muralla, a
recreación da primeira manifestación feminina, que se celebrou en Roma
por parte de mulleres, que terá lugar diante do campamento do Senado, na
que reclamarán os seus dereitos; tamén as loitas e pelexas de gran
realismo na Praza de San Marcos e Santa María, entre outras. Durante as
noites, a cidade contará con animación continuada de rúa, coa presenza
de desfiles, gardas romanas, tambores, etc.
A
alcaldesa de Lugo e o edil de Xuventude aproveitaron para agradecer in
situ, a participación das asociacións de Lugo, que “levan a cabo unha
recreación histórica fidedigna, e que de novo sosteñen un gran número de
actividades do programa”, así como ás empresas patrocinadoras. Departamento de comunicación