El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Cartas al Director
Sociedad

PistaCatro culmina o seu traballo no novo circo co espectáculo "Kamikaze"

A obra estréase o xoves no Salón Teatro de Santiago en co produción co CDG

11-06-2007

Humor, malabares, acrobacias, ilusionismo, música e teatro conflúen no espectáculo "Kamikaze", que PistaCatro estrea este xoves no Salón Teatro de Santiago en co produción co Centro Dramático Galego. Baixo a dirección de Hernán Gené, a compañía compostelá culmina así "moitos anos de traballo" no eido do novo circo, segundo manifestou hoxe o actor Antón Coucheiro durante a presentación de "Kamikaze" en Santiago. "Kamikaze" comeza cunha homenaxe a un amigo falecido, que dá pé a unha montaxe humorística na que se combinan diversas disciplinas. Nela teñen cabida uns guerrilleiros kamikazes "malpikistaníes" que preparan un plan para detonar a Cidade da Cultura, construída no país inimigo da cultura, Compostelanikistán. Coa vocación de enganchar a todos os públicos, o espectáculo xa conseguiu polo de agora chamar a atención aos paseantes que este mediodía transitaban pola rúa Nova, onde improvisaron un pequeno número coa interacción do público. As sete persoas que protagonizan "Kamikaze" proveñen de eidos tan distintos como o circo, o teatro, o ilusionismo e a música, que traballaron "contaminando os uns aos outros". PistaCatro contou ademais para esta produción coa dirección de Hernán Gené, que "deu orde e sentido ao espectáculo". Premio Max 2005 ao Mellor Espectáculo de Teatro por 'Sobre Horacios e Curiacios', Gené "era a persoa ideal para dirixir 'Kamikaze'", ao traballar "próximo ao circo e ao teatro". "Kamikaze" poderá verse no Salón Teatro dende o xoves e ata o sábado a partir das 20.30 horas, e o domingo ás 18 horas. Tralo seu paso pola capital galega, a compañía ten previsto levar o espectáculo por distintos escenarios da comunidade, "e tamén do resto do Estado e fóra", xa que o novo circo é unha fórmula de éxito en lugares como Francia e que os integrantes da compañía dispoñen de contactos e experiencia noutros países. Co produción Para Coucheiro, "Kamikaze" é a "punta de lanza" do novo circo galego e cre que "van sendo horas de apoiar o circo e outros formatos de espectáculo". O novo circo é unha disciplina artística emerxente con capacidade para cautivar a novos públicos de todas as idades e pouco habituais no teatro. O Centro Dramático Galego aborda a súa primeira co produción de novo circo. A directora do CDG, Cristina Domínguez, valorou a aposta do centro por "abrirse a outras propostas que poden ter un grande futuro en Galicia", así como a "forza, ganas e imaxinación" de PistaCatro "que tanta falta fan" na escena galega. Así o cre tamén o xerente do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (Igaem), Miguel Martín, que expresou que o CDG "debe dar cabida a xente madura e con sentidiño, pero tamén dar oportunidades aos demais". Os profesionais desta disciplina escénica veñen de crear a Federación Galega de Novo Circo para impulsar a produción de novos espectáculos na comunidade. Ás súas costas levan sete anos de traballo en salas alternativas, na organización de festivais, como o compostelán D'Gorra, e co desenvolvemento de traballos individuais.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias