MADRID | O Bloque
Nacionalista Galego demanda ao Goberno do Estado actuacións urxentes para o
saneamento no Concello da Bola e facilitar o desenvolvemento das obras para
construír unha depuradora que sirva para mellorar a calidade das augas e
reducir a contaminación. Demanda información após coñeceren que a Confederación
Hidrográfica Miño-Sil rexeitou o
proxecto remitido pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta e se se
realizou o estudo de valoración do proxecto e os resultados do mesmo.
En outubro de 2021 publicábase en distintos medios
de comunicación a información sobre a remisión por parte da Consellería de
Medio Ambiente e Mobilidade da Xunta de Galiza á Confederación Hidrográfica
Miño-Sil dun convenio de colaboración por valor de 720.000 euros. Dito convenio
tiña como fin o financiamento e execución das obras necesarias para a
instalación dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) e a
mellora dos colectores de saneamento en varios núcleos do Concello da Bola.
A Confederación Hidrográfica confirmou recibir o
proxecto e dixo estar analizando a dispoñibilidade orzamentaria. No convenio a
Consellería propuña un cofinanciamento de forma que a CHMS xunto con Augas de
Galiza asumirían, a partes iguais, 80% do orzamento e 20% restante- 143.957,81
euros- asumiríao o Concello da Bola. Este proxecto estipulaba a renovación dos
colectores, a conexión ao colector daqueles que na actualidade non o están e a
construción dunha nova depuradora na zona da Ponte de Barbón.
“O Concello
leva moitos anos con problemas en materia de saneamento de augas, chegándose a
ter que prohibir o baño no espazo fluvial da Ponte Barbón no río Ourille con
carácter permanente” denuncia o deputado do BNG. Rego explica que isto afecta
tamén a subministración de auga á poboación. “Por parte da Consellería
destacábase que o convenio estaba xa case pechado e que permitiría a licitación
e execución do proxecto nas anualidades de 2022 e 2023” lembra.
Con todo, uns meses despois deste anuncio, a
Confederación Hidrográfica Miño Sil comunicou a súa negativa para participar
neste proxecto, sen que se coñezan as causas e circunstancias que rodean esta
decisión. “Queremos saber se a Confederación realizou un estudo de valoración,
así como o resultado do mesmo, para entender o criterio que seguiu a entidade
para rexeitar a posta en marcha deste proxecto e se existen motivos de carácter
económico ou supón un veto ao proxecto en si” apunta Rego.
“A actuación para o saneamento das augas debe ser
unha das prioridades políticas e, en consecuencia, deberíase facilitar o
desenvolvemento o proxecto sobre a mellora da depuración de augas no Concello
da Bola. Isto servirá para mellorar a calidade das augas e reducir a
contaminación” conclúe o deputado do BNG no Congreso. Departamento de comunicación