A CORUÑA | A
deputada de Igualdade, María Muíño, acompañada das técnicas Eva Ovenza e Eva
Garabal, presentou hoxe o inicio do proxecto ‘Integra o Xénero’, que ten
por obxectivo crear ferramentas para integrar a perspectiva de xénero e o principio
de igualdade dun xeito transversal ás políticas públicas. Trátase dun proceso
colaborativo e participativo, no que se involucrará ao persoal da Deputación e
dos concellos, que rematará coa elaboración de tres guías a comezos de 2023.
María Muíño definiu como “o
gran reto das administracións”, integrar a perspectiva de xénero de xeito real
e efectivo nas políticas públicas. Para acadalo, desde o departamento
provincial de Igualdade, segundo indicou a deputada “queremos que o proceso
sexa participativo e colaborativo para que o resultado permaneza e sexa
compartido por todos e todas”. Adiantou que neste proceso será de vital
importancia a metodoloxía, xa que buscará dotar ás traballadoras e traballadores
das Adminsitración de técnicas para detectar as desigualdades na súa práctica
profesional cotiá e ofrecer pautas para superar as eivas existentes. “Trátase
de detectar as necesidades e problemáticas coas que se atopa o persoal no seu
contexto de traballo específico á hora de incluír dun xeito transversal a
igualdade e a perspectiva de xénero” explicou a deputada.
O proxecto ‘Integra o xénero’ terá
como resultado unha colección de guías coas que se busca dotar ao persoal da
Deputación e dos concellos da provincia de ferramentas útiles e de fácil
manexo, que conteñan pautas e recomendacións prácticas para a incorporación do
principio de igualdade dun xeito transversal. Este proxecto forma parte das
medidas de actuación recollidas en “Compartimos Plan”, o Plan de Igualdade da
Deputación da Coruña, en vixencia para o período 2019-2023. A colección,
inicialmente, contará con tres títulos: a “Guía básica de recomendacións sobre
a integración da perspectiva de xénero nas Políticas Públicas”; a “Guía de
apoio ao establecemento de cláusulas de igualdade”; e a “Guía para a
integración da perspectiva de xénero no emprego e na formación”.
A novidade deste proxecto
radica en que é a primeira vez en Galiza que se fai unha colección (ata o de
agora só se atopan guías individuais) e cada unha delas tratará diferentes
campos: cultura, deporte, formación, presupostos, subvencións, plans de emprego
etc. Outra das novidades é o enfoque participativo e adaptado ás necesidades
reais tanto do persoal técnico como político das entidades locais e doas entidades
asociativas que colaboren no proceso. Departamento de comunicación