El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Cartas al Director
Sociedad

Máis de 60 representantes do sector estudarán a partir deste mes o borrador do Plan Galego de Artes Escénicas

As axudas directas incrementaranse nun 20 por cento cada ano

12-06-2007

A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, presentou en Santiago o borrador do Plan Galego de Artes Escénicas. O documento, que compromete a distintos departamentos do Goberno galego, establecerá un marco de actuación para conseguir que as artes escénicas acaden "un maior protagonismo na sociedade e unha proxección internacional", segundo salientou a conselleira. Cultura abrirá na segunda quincena deste mes o proceso de participación ao que están chamados máis de 60 representantes de entidades públicas e privadas implicadas no sector. O proceso de participación estructurarase en torno a catro mesas temáticas: sociocomunitaria, creación, industrias culturais e distribución, que se reunirán en xullo e setembro. O plan definitivo aprobarase previsiblemente no mes de outubro e será presentado en novembro nunhas xornadas específicas, para entrar en vigor no 2008, xunto á transformación do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (Igaem) na Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), segundo anunciou hoxe Ánxela Bugallo. Trátase dun plan integral e consensuado co sector que ten en conta as dimensións artística, cidadá e económica das artes escénicas para relanzalas cando se cumpren 125 anos da estrea da primeira obra de teatro en galego. Para iso, Cultura contará co apoio das consellerías de Educación, Industria, Traballo, Economía e Vicepresidencia. Industria Segundo o contido do borrador, a dotación de axudas directas a empresas do sector das artes escénicas incrementarase un 20 por cento cada ano ata triplicar as achegas do ano 2005. Na procura da estabilidade da industria das artes escénicas, estudarase a posibilidade de establecer axudas a 2 ou 3 anos e criterios de selección para a subvención que primen a captación de públicos, estruturas empresariais consolidadas e os niveis de distribución. Ao tempo, procurarase outras vías de financiamento complementarias, facilitando a co produción, as axudas reintegrables, o patrocinio privado ou o crédito bancario. O Plan promoverá o asociacionismo profesional e a regulación dos niveis salariais dos traballadores a través dun convenio colectivo do sector, así como medidas de discriminación positiva para o emprego á muller, aos menores de 35 anos e persoas en risco de exclusión social. O establecemento de convenios con fundacións privadas, a programación nas salas privadas a través da Rede Galega de Salas, a consolidación de salas de teatro privadas, a fidelización dos públicos, a potenciación da Feira Galega das Artes Escénicas e un maior esforzo en comunicación son algunhas das medidas para consolidar o mercado interior e os espazos de exhibición das producións galegas. Proxección exterior Un dos grandes retos é o de conseguir un teatro galego exportable. Para isto, o borrador contempla a deseño de circuítos nas principais cidades españolas e europeas, a co produción con Iberoamérica e a formación no exterior, así como a concesión de axudas á distribución exterior que cubran o desprazamento e a manutención para a participación en xiras e mercados fóra da comunidade. Neste punto, o Escenario Obradoiro da Cidade da Cultura pretende converterse nun referente de exhibición da produción e co produción pública das artes escénicas. Creación e patrimonio Para fomentar a creación e formación nas artes escénicas, o borrador establece programas de residencias temporais para compañías privadas e artistas, bolsas de prácticas en empresas e unidades de produción que sirvan de ponte entre o ensino e o mercado laboral das artes escénicas e intercambios con creadores expertos e doutras disciplinas artísticas. A través do plan, Cultura fomentará ademais a formación de novas disciplinas emerxentes e apoiará a centros de formación privados. Outra das accións é a compilación e catalogación do patrimonio escénico galego e a edición e reedición de materiais históricos da dramaturxia galega. As medidas para apoiar a integración das artes escénicas na vida comunitaria consisten, principalmente, no incremento da cobertura da rede de espazos escénicos e da programación para garantir o acceso de toda a poboación e o apoio á consolidación do tecido asociativo cultural e fomentar a práctica do teatro amador. Así mesmo, potenciará o ensino das artes escénicas en distintos niveis educativos e promoverá circuítos escolares de teatro e danza.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias