SOBER | O Concello de Sober presenta o luns 27 o proxecto Inmarcesibles, unha exposición fotográfica sobre a beleza real feminina. Será no Centro Sociocultural con entrada libre ás 20:00 horas. Con este proxecto o Goberno local afonda nas actividades a prol da igualdade e pretende realzar a auténtica beleza, mostrando o sexo feminino tal é como é e non como pretenden que sexa.
“Queremos que aquilo que a nosa sociedade ve e transmite como defectos e complexos se perciba como o que verdadeiramente é, o corpo de todas as mulleres, a súa realidade”, explican desde o Concello.
Inmarcesibles invita a reflexionar sobre a exclusión invisible que experimenta o sexo feminino cando falamos do seu físico. Exclusión porque nos ensinan que o corpo da muller debe ser o máis parecido posible ao canon de beleza establecido, loitando para conseguir encaixar neses parámetros e rexeitando se non o logran; e invisible porque dita ensinanza non se transmite de forma directa, pois é silenciosa e sutil, maquillándose baixo a premisa de que a muller debe ser libre e ha de estar preocupada por unha axeitada saúde física e mental. “Con este proxecto non queremos manifestar que ser e estar guapa é malo e prexudicial, senón que o é a obriga de ter que estalo”, precisan
Agradecemento ás participantes
Para conseguir este obxectivo, o Concello de Sober contou coa participación libre e desinteresada de diversas mulleres que quixeron mostrarse tal e como son, defendendo todo tipo de corpos femininos e reivindicando a súa aceptación.
Esta actividade está financiada pola Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, dentro das transferencias para o desenvolvemento de novas e ampliadas competencias reservadas as entidades locais no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e a súa planificación e elaboración executouse dende os Servizos Sociais do Concello de Sober coa colaboración da fotógrafa María Fernández. A mostra poderase visitar no Centro Sociocultural de Sober ao longo de varias semanas. Departamento de comunicación