A CORUÑA | O presidente da Deputación da
Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe no Pazo de San Roque de
Santiago de Compostela na xornada inaugural do curso ‘Enerxía Limpa. Retos
tecnolóxicos na produción e almacenamento de enerxías renovables’, organizado
pola Real Academia Galega de Ciencia en colaboración coa Deputación da Coruña.
Durante
a súa intervención, Formoso valorou o potencial que ten Galicia “dentro deses
tres vectores de futuro que, de aquí a 2050, a Unión Europea establece: a economía
circular, a transición ecolóxica e a dixitalización. “Probablemente non sexamos
líderes en economía circular, nin en dixitalización e si poderemos selo en enerxías
renovables. A rosa dos ventos é así de caprichosa e nos pode permitir liderar
se así queremos asumir este papel”, afirmou.
“Non
é cuestión de ser os primeiros dunha competición, senon de que ese liderado se
traduza en creación de emprego, de valor engadido no territorio, na retención
de talento tecnolóxico que se está a espallar por medio mundo, e na sustentabilidade
dos servizos públicos que máis nos preocupan aos galegos e as galegas: a
sanidade e a educación, que teñen un custe altísimo e que require de ingresos
para que o sistema sexa sostible”, remarcou.
Para
Formoso este novo modelo de enerxías limpas “xa non é de futuro, é de presente”
porque “o escenario socioeconómico mundial nos pon como deber inmediato a
articulación de medidas e a asunción de políticas que permitan o despregue, en
tempo récord, deste novo modelo enerxético”. “ A Unión Europea convídanos a que
sexamos colíderes a nivel europeo, e temos que velo como unha oportunidade das
poucas que se lle poden presentar a un país que está no córner de Europa e que
adolece carencias de infraestruturas en certos eidos. Hai que facer moitísima
pedagoxía no ámbito político”, subliñou.
O
presidente provincial salientou o potencial da que “pode ser a gran fonte de
enerxía do futuro, ou xa do presente, que é o hidróxeno verde” e que “probablemente
nos permita deixar de preocuparnos da factura enerxética das nosas empresas e das
nosas familias, e que tamén nos permita ter un modelo económico sustentable,
sen preocuparnos do custe do CO2 na bolsa diaria do mesmo”. “Polo tanto, sería
do xénero bobo que un país que ten os elementos imprescindibles para producir
hidróxeno verde, a auga e o vento, non os empregue”, reflexionou.
“A
nosa postura institucional é clara, e dicímolo sen ningún tipo de medo, sabendo
que probablemente esteamos predicando no deserto hoxe pero pode que as xeracións
futuras nos lembren como un grupo de políticos que dixemos á xente, non o que
querían oír, senón o que realmente o país necesitaba”, asegurou.
Segundo
Formoso “este país necesita enerxía galega, autosuficiencia enerxética, darlle
oportunidades aos nosos mozos e mozas” e “o que menos necesita é burocracia
innecesaria, apostas do pasado e visión política arraigada no século dezanove
ou vinte. Estamos no século vinte e un, hai que ter visión de futuro”.
Pola
súa parte, o presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, explicou que “fontes de
enerxía que eran unha quimera hai unha década hoxe son imprescindibles” e coincidiu
en que “Galicia pode ser unha potencia en enerxías verdes como a eólica e a
biomasa”. “Grazas á Deputación polo apoio para que se leven a cabo estas
xornadas, a enerxía é hoxe un tema que preocupa a sociedade”.
Catro
xornadas coas renovables como protagonistas
O
curso Enerxía Limpa desenvolverase desde hoxe ata o xoves 30
de xuño, en diferentes cidades, co obxectivo de levar este tema tan relevante a
toda a provincia: mañá martes repetirán no Pazo de San Roque de Santiago, o mércores
28 será no salón de actos do Campus de Ferrol e o xoves 30 de xuño no salón de
actos da Autoridade Portuaria da Coruña.
En
cada unha destas sedes desenvolveranse diferentes temáticas: ‘Estratexias enerxéticas’,
‘Enerxía solar fotovoltaica. Enerxía da biomasa. Almacenamento enerxético’, ‘Enerxía
eólica. Enerxía do mar’ e, por último ‘Hidróxeno verde e biometano’. Departamento de comunicación / Consultar o prograna