NARÓN | A Praza da Gándara acollerá o vindeiro xoves, 7 de xullo, a primeira das proxeccións do ciclo “Cine de Verán”, organizado polo Padroado da Cultura en colaboración coa Deputación da Coruña. A presidenta do Padroado e alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, avanzou que a primeira película que se poderá ver a través desta nova edición de “Cine de Verán” será “Trolls 2”, protagonizada por eses seres con puntiagudos e coloreados peiteados e protagonizada por Poppy, que xunto cos seus amigos e amigas descubre varios tipos de música. “As proxeccións deste ciclo son de balde e darán comezo ás 22.30 horas”, avanzou Ferreiro, que animou ás veciñas e veciños da cidade a asistir a estas convocatorias.
O ciclo continuará durante todo o mes de xullo e a segunda das citas programadas desenvolverase o día 8 na Solaina (Francisco Pizarro), onde se poderá ver “Trasto”. Un can que vive con todos os luxos dá nome a esta película, na que os espectadores verán que todo lle cambia cando morre a súa dona e ten que vivir na rúa e enfrontarse a perigosas situacións debidas aos herdeiros da muller.
O día 14 de xullo poderase ver na Praza do colexio de Xuvia o filme “Os Croods: Nova Era”, sobre un clan cavernícola que lidera o xefe da tribu, Crug, e que vivirá unha serie de aventuras na procura dun lugar para instalarse. O día 15 será o turno de “Onward”, na Praza de Galicia, unha historia de maxia a cargo de dous irmáns adolescentes, os elfos Ian e Barley Lightfoot, que reciben un bastón de mago como herencia do su pai e intentan descubrir se a maxia aínda existe.
As proxeccións continuarán o 21 con “Goomer”, no Centro Cívico Social do Val, protagonizada por un camioneiro intergaláctico que realiza unha aterraxe de emerxencia nun planeta para el descoñecido. O venres 22 a pista polideportiva de Pedroso será o escenario no que se poderá ver “O mago dubidoso”, no que o protagonista é Bieito Dubidoso, un mago que vivirá incribles aventuras.
As dúas últimas proxeccións de “Cine de Verán” serán o 28 e o 29 de xullo, na pista polideportiva de San Xiao, con “Donkey Xote” e na de San Mateo, con “A Galiña Turuleca”, respectivamente. A primeira conta a historia dun burro, Rucio, que defende que Don Quixote foi un home intelixente e apaixoado e o segundo filme está protagonizado por unha galiña da que se burla o resto do galiñeiro porque non pode poñer ovos pero que verá cambiar a súa vida canto unha mestra descubre que pode falar e cantar.
“Un ano máis recuperamos esta alternativa de lecer, dirixida a público familiar e que se levará a cabo tanto na zona urbana como rural, descentralizando a actividade cultural para achegala aos barrios e parroquias da cidade”, explicou Ferreiro, animando á veciñanza a acudir a estas convocatorias. Departamento de comunicación