NARÓN | A parroquia do Couto acollerá o vindeiro 17 de xullo unha nova edición, a vixésimo segunda, da Festa Gastronómica do Pemento do Couto. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil de Turismo, Natalia Hermida, presentaron esta mañá o evento acompañadas por Marta Vázquez, directora xerente da Cooperativa do Val, Tomás Casal, presidente da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, e Ramón Couto, presidente da AVV do Couto. A cita está organizada polo Concello, en colaboración coa Cooperativa do Val, a Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto e a entidade veciñal da citada parroquia.
Ferreiro avanzou que na xornada previa á degustación, o sábado 16, procederase un ano máis á iluminación nocturna do mosteiro de San Martiño de Xuvia, no Couto, a partir das 23.00 horas. A esa mesma hora, e ata as 00.30, haberá tres pases dun concerto de música sacra no interior das instalacións do cenobio naronés. O acceso é de balde e non será precisa inscrición previa, polo que poderán asistir todas as persoas que o desexen ata completar a capacidade do espazo no que se levarán a cabo.
Na xornada do domingo 17 celebrarase a propia festa gastronómica de exaltación do pemento do Couto, unha hortaliza producida en Narón e con Indicación Xeográfica Protexida dende o ano 2010. A programación da xornada comezará a desenvolverse ás 13.00 horas co tradicional pregón, que este ano correrá a cargo do guía de turismo e actor Suso Martínez. Realizarase unha declamación musicalizada coa colaboración do músico Manuel de Felisa. Dous trovadores dos tempos do naronés Fernán Esquío farán unha narración das glorias dos señores de Trasancos e das terras dadoras dos pementos do Couto, donde está enclavado o mosteiro de San Martiño de Xuvia.
Unha vez que remate o pregón, sobre as 14.00 horas, dará comezo a degustación gastronómica, cun menú no que non faltarán os pementos do Couto –cociñaranse uns 200 quilos-, que se acompañarán de churrasco, cachelos, pan, auga, viño, café ao tizón e sobremesa. Os tickets poderán adquirirse dende hoxe a prezos populares no Centro Cívico Social do Couto –de 18.00 a 23.00 horas de luns a domingo-, chamando ao número de teléfono 606 179 353 ou na oficina da Cooperativa do Val, de luns a sábado entre as 9.00 e as 14.00 horas.
O domingo pola tarde, a partir das 16.30 haberá un baile amenizado polo Dúo Karamba e de 17.00 a 19.00 haberá xogos populares na zona da carballeira do Couto, donde se degustará o menú do mediodía nun espazo habilitado con mesas e sillas para os asistentes. Dende a Cooperativa o Val agradeceuse o feito de que “o Concello conte un ano máis con nós para esta festa de exaltación do pemento, un produto local”. Na actualidade está no pico da campaña e, tal e como indicou Marta Vázquez, “hai abundancia e a calidade é excepcional”. Tamén valoraron a continuidade desta festa, tras dous anos de pandemia, dende a Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto.
Dende o Concello destacaron a implicación da cooperativa e das dúas entidades que colaboran na organización desta festa. “É unha das citas marcadas no calendario festivo e gastronómico da nosa cidade e na que podemos presumir de poñer en valor, máis se cabe, un produto local de sobras coñecido dentro e fóra de Narón, o pemento do Couto”, asegurou Ferreiro, que animou ás veciñas e veciños a acudir a esta convocatoria. Departamento de comunicación