NARÓN | Un total de dezaseis establecementos hostaleiros da cidade participarán dende hoxe e ata o vindeiro 29 nunha campaña promocional do pemento do Couto. A iniciativa retómase un ano máis, tal e como indicou o concelleiro de Promoción Económica, David Pita, para ofrecer nos citados establecementos tapas coas consumicións á clientela co pemento do Couto como ingrediente principal. O edil naronés animou ás veciñas e veciños de Narón e tamén doutros concellos a acudir aos locais que se adheriron a esta campaña para degustar os pementos do Couto nas elaboracións que propoña cada un dos establecementos.
Os locais de hostalería que participan son El Colonial, Australian, Nueva Orleáns, Silver, O Pío, La Perfecta, La Continental, La Bodeguilla, o ambigú de Xuvia, o Café Bar Félix, La Roldana, Tyché, Casa Sindo, O Rincón de Trini, Anacos e La Salmantina. A clientela recibirá coas consumicións unha rifa, que deberá depositar nunha urna colocada en cada establecemento, para participar no sorteo dunha cena valorada en 100 euros. Sortearase unha en cada un dos locais de hostalería que participan nesta campaña promocional do pemento do Couto, tal e como indicou Pita.
O Concello organiza esta convocatoria, que se pode seguir a través das páxinas de Facebook do Concello de Narón e do Club Narón Gastronómico, en colaboración coa Cooperativa do Val, a AVV do Couto e a Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto. Departamento de comunicación