A CORUÑA | O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; o deputado de Promoción económica, Blas García; e os alcaldes de Malpica, Eduardo Parga, e de Oleiros, Ángel García Seoane, asinaron hoxe na sede da institución os convenios para a promoción das dúas citas máis importantes da artesanía do barro da provincia, a Mostra de Olería de Buño e Alfaoleiros, para as que a Deputación compromete neste exercicio 110.000 euros. A mostra malpicá recibirá unha axuda de 80.000 euros (o 80 por cento do orzamento total), e a feira oleiresa, outra de 30.000 euros (case o 47 por cento).
Con estes acordos, a Deputación volve apostar por dous eventos de referencia que considera de gran interese para o territorio e que contribúen a potenciar un sector que ten potencial para se converter nunha actividade rendible de futuro, capaz de repercutir favorablemente como medio de desenvolvemento económico, social e xerador de emprego e riqueza, xa non só no ámbito local, senón tamén no provincial. Estes investimentos, ademais, supoñen un respaldo para as dúas comarcas non só económico, senón tamén tamén turístico, e axudan a manter a tradición centenaria da olaría.
“Para a Deputación, a Mostra, como a propia olaría, é un dos recursos máis relevantes da provincia”, salientou Regueira. “Son moi poucos os eventos na Coruña que teñen un convenio destas características, como sucede tamén, e tamén no territorio da Costa da Morte, coa Mostra do Encaixe de Camariñas”. “Ademais desta importante achega”, engadiu, “non hai que esquecer que hai moi pouco se acometeu co apoio da Deputación a mellora do Forno do Forte de Buño, así que agardamos que con estes 80.000 euros e coa modernización das instalacións do Forno a Mostra sexa este ano un éxito de público e, sobre todo, que sirva tamén para que os artesáns da comarca e, nomeadamente os da localidade de Buño, poidan pechar o presente exercicio cun saldo favorable”.
O vicepresidente falou tamén da importancia de Alfaroleiros, “unhas das citas máis relevantes para o turismo e para a artesanía da comarca da Coruña e do territorio da Reserva da Biosfera, que xunta cada ano a multitude de oleiros chegados de moitos os puntos do Estado”. “Como no caso da Mostra”, explicou, “esperamos que o apoio da Deputación sirva para afianzar a feira, para consolidar as ventas no sector durante estes días de verán e tamén para ofrecer alternativas culturais ao turismo e á sociedade que reside no ámbito de Santa Cruz e de todo o municipio”.
As dúas feiras celébranse esta mesma semana. A XXVIII edición de Alfaroleiros, do 3 ao 7 de agosto; e a XXXVIII Mostra de Olería de Buño, do 4 ao 7. Departamento de comunicación