El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Sociedad

ESCOLAS INFANTÍS

A gratuidade das escolas infantís en Galicia

O maior avance na conciliación e na educación de 0 a 3 anos.

13-09-2022 00:51:43
Regreso ao colexio.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | Acaba de arrincar o primeiro curso da historia para os nenos de 0 a 3 anos con todas as garderías de Galicia gratuítas: a atención educativa é totalmente gratuíta no 100% dos centros.  Este feito converte á nosa Comunidade Autónoma nunha referencia nacional neste ámbito. A gratuidade das escolas infantís é un paso adiante decisivo para que as nais e pais compaxinen mellor as súas vidas laboral e familiar. Pero tamén é unha medida importante para as economías dos fogares, máis nun contexto como o actual no que os prezos están polas nubes. Neste sentido, a iniciativa garante que todas as familias que o desexen, sexa cal sexa a súa situación económica, podan levar aos seus fillos a unha escola infantil, xa que non lles supón un euro dos seus petos. Estas aforrarán entre 1.500 e 2.000 euros por curso e neno, sen dúbida todo un alivio nun momento no que a inflación está moi elevada.  


Máis de 50 millóns  

A Xunta destina este curso máis de 50 millóns de euros de fondos propios para facer realidade a gratuidade. Arredor de 31.000 nenos se benefician desta medida, repartidos entre as aproximadamente 600 escolas infantís que hai en funcionamento en Galicia, sumadas as que dependen da Xunta, dos Concellos, as que son de iniciativa social e as de titularidade privada. Na totalidade destes centros, en todos os cursos e para todo o alumnado de 0 a 3 anos, ofrécese ás familias atención educativa gratis ata un máximo de oito horas, que é a xornada completa, e durante todo o ano, agás no mes de agosto, cando moitas escolas pechan. Unha vantaxe á que as familias se poden acoller sen que teñan que presentar ningún papelame, xa que é a Administración autonómica a que xestiona directamente a gratuidade coas escolas infantís. 


A implantación da gratuidade comenzou en abril de 2020  

O Executivo galego defende que este avance no apoio ás familias e no coidado á infancia é estrutural, ten vocación de permanencia e non ten volta atrás. De feito, a implantación da gratuidade comezou en abril de 2020 aplicándose aos segundos fillos e sucesivos, e tras a boa acollida que tivo esta decisión entre o sector e, obviamente, entre as familias, decidiuse ampliala aos primoxénitos. Polo tanto, o feito de que hoxe en Galicia a atención educativa de 0 a 3 anos sexa totalmente de balde supón unha realidade sen precedentes no conxunto de España. Unha medida coa que se apoia a todas as familias, sexan cales sexan as súas características, se fomenta a conciliación e a igualdade de oportunidades.  

Ademais, a gratuidade non soamente dá cobertura ás familias que residen ou traballan en concellos que teñen escolas infantís. Tamén chega a aquelas que viven en municipios máis pequenos que carecen deste tipo de centros a través das Casas niño, pequenas escolas gratuítas nas que se atende a un máximo de cinco nenos. A Xunta comezou a crear no ano 2016 unha ampla rede destes equipamentos por toda a comunidade e seis anos despois xa hai preto dun centenar.  



Arroupar ás familias que deciden ter un fillo  

Estas medidas poñen o acento no que é un dos eixos de actuación prioritarios da Xunta: arroupar ás familias que deciden ter un fillo. A elas diríxense programas como o Bono Coidado ou a Tarxeta Benvida. Co primeiro axúdaselles a contratar un servizo extraordinario de conciliación ante calquera enfermidade ou eventualidade laboral, e que tamén pode ser empregado para sufragar campamentos, ludotecas ou servizos semellantes. Coa Tarxeta Benvida, ofréceselles unha importante achega económica para colaborar nos custes que supón o nacemento dun fillo.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias