El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

O pleno da Deputación reclama máis profesores e a recuperación dos libros de texto gratuítos no inicio do curso

09-09-2022 15:08:36

A CORUÑA | O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe unha moción, presentada polo Partido Socialista de Galicia e o BNG, pola que reclama á Xunta de Galicia que dote de máis profesorado aos centros educativos e que recupere o sistema da gratuidade universal dos libros de texto.  A iniciativa contou cos votos a favor de socialistas, nacionalistas, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e o único voto en contra do Partido Popular. 

A moción fai referencia a que “as familias terán que facer fronte ao inicio de curso máis caro da historia, cun custe medio nos centros públicos e concertados que supera os 450 euros por neno/a (libros de texto e material escolar) e, en cambio, “a política actual do Partido Popular limítase a axudas mínimas ás rendas baixas (ate 10.000 euros de ingresos anuais, cun máximo de 210 euros por neno), a alumnado con necesidades especiais (65% de discapacidade, 275 euros) e de 50 euros para rendas iguais ou inferiores a 6.000 euros, axudas que nin cobren os custes totais dos libros de texto, nin son universais”. “Pódese dicir que a Xunta ten abandonado ás familias ante o curso máis caro da historia”, afirma o texto refrendado hoxe no pleno provincial. 

“Resulta preciso contrastar este modelo coa gratuidade universal dos libros de texto implantada polo Goberno bipartito, un sistema sostido con fondos públicos e co que, sen dúbida, todas as familias estarían protexidas hoxe fronte aos efectos da inflación no acceso a un dereito como é o da educación”, salienta o texto da moción. 

Ademais, no texto lémbrase que “este é tamén un inicio de curso complexo para os docentes pola posta en marcha da reforma do sistema educativo da LOMLOE, clave para a modernización da educación deste país” e alerta dun “alarmante deixamento das funcións do conselleiro Rodríguez e do presidente Rueda, pois somos unha das sete comunidades autónomas que aínda non teñen aprobados os decretos de adaptación á LOMLOE”. 

“O profesorado afronta un reto fundamental que require todo o apoio e axuda da Xunta pero a resposta da Consellería de Educación é novamente a de facer recortes: peche ou agrupamento de aulas, perda de profesorado de apoio ao alumnado vulnerable, aumento das ratios do alumnado, redución da oferta educativa ou a implantación de novos módulos de FP sen especialistas”, destaca. Segundo a moción, “os continuos recortes na educación pública están a xerar un incremento da desigualdade social e constitúen unha perda irreparable da igualdade de oportunidades, os datos din que hoxe temos unha educación peor en Galicia que hai 10 anos”. 

Por iso, o pleno da Deputación esixe á Xunta de Galicia que “cumpra coas súas obrigas e responsabilidades no ámbito educativo, dispoñendo dos medios materiais e persoais e dos recursos económicos que sexan precisos para garantir a prestación e o acceso ao servizo público esencial da educación; recupere o sistema de gratuidade universal dos libros de texto” e, por último, “faga público o destino dos fondos extraordinarios para a educación procedentes tanto da Unión Europea como tamén do Estado e tamén dos novos fondos anunciados para a adaptación climática das infraestruturas educativas”. 

Por outra banda, no pleno tamén se aprobou por unanimidade a moción presentada polo Partido Socialista de Galicia e o BNG en defensa da frota pesqueira e da pesca de fondo galegas, que nos últimos anos “está a vivir tempos complexos” e “a esta situación, engádese agora a intención da Comisión Europea de prohibir todas as actividades relacionadas coa pesca de fondo (arrastre, palangre, anzol...) en 94 zonas de pesca en caladoiros de Francia, España, Portugal e Irlanda. 

Así, a Deputación comprométese a transmitir ao Parlamento Europeo, aos grupos parlamentarios nel presentes e a DG Mare e Comisión Europea “o seu rexeitamento ás propostas que leven á minoración ou eliminación de emprego de artes de fondo; a necesidade de elaborar todos os estudos necesarios antes de tomar ningunha decisión ao respecto; que as recomendacións científicas dispoñibles expoñen unha extensión desmesurada das áreas xeográficas a protexer e, por último, que debe considerarse unha gradación e tratamento de acordo coas diferentes artes de pesca”. 

O pleno aprobou tamén cos votos favorables de PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do Partido Popular a moción presentada por Marea Atlántica en defensa dun plan sectorial para o monte galego. O texto insta á Xunta de Galicia a deseñar, en colaboración cos concellos e os axentes sociais implicados (sindicatos agrarios, comunidades de propietarios, universidades) un plan sectorial para o monte galego que contemple as necesarias medidas de ordenación, planificación e custodia do territorio, baseado na prevención do lume, nos aproveitamentos mixtos e na promoción de especies autóctonas.  

O texto incorporou emendas de PSdeG-PSOE e BNG instando á Xunta a que as axudas destinadas á persoas afectadas polo lumes deste verán cubran  o 100% dos gastos de construción, reconstrución e recuperación dos medios de vida afectados, así como a activar un plan de axudas para a prevención das consecuencias inmediatas do lume dos territorios afectados polos últimos incendios forestais.  

O pleno rexeitou a moción presentada polo Partido Popular sobre ocupación ilegal de vivendas, tras rexeitar este grupo as emendas propostas polo Partido Socialista. A moción non prosperou ao contar con 14 votos do PP e Alternativa dos Veciños fronte aos 15 votos de PSOE, BNG e Marea Atlántica. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias