SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a sesión de control para criticar que o Partido Popular sexa “unha rémora e un freo” ao avance dos dereitos das mulleres, ademais de denunciar o “carroñeirismo político” do PP utilizando a dor das vítimas de violencia machista para xerar alarma social contra a Lei de liberdade sexual. “É unha indecencia e unha irresponsabilidade que o Partido Popular que calou ante a sentenza da Manada e que goberna coa extrema dereita negacionista, pretenda crear alarma social usando a dor das vítimas de violacións para desenvolver unha campaña contra a Lei do só si é si. Esa lei é un avance e se contén fallos que se corrixan, pero en ningún caso imos permitir unha volta atrás na protección das mulleres como propón o PP”, explicou. A líder do BNG rexeitaba así a posición mantida polos populares en contra de modificar o actual código penal, cuxa aplicación posibilitou que os cinco da Manada quedasen absoltos do delito de violación. Coa nova lei, non tería sido posible. Pontón considera “indecente” esa campaña e lamentou que, o PP “elixa estar no lado equivocado, demostrando unha vez máis que son unha rémora e un freo para o avance dos dereitos das mulleres”. Por contra, é grazas ao movemento feminista e a forzas como o BNG que trasladan esta loita e as súas reivindicacións aos parlamentos, argumentou, que foron posibles os avances. Pontón, a poucos días do 25N, levou a Cámara galega as propostas do Bloque para loitar contra as violencias machistas que atentan contra liberdade e a igualdade das mulleres e que, “na súa forma máis extrema mata a miles de mulleres en todo o planeta cada ano”. Desde 2003, 65 mulleres foron asasinadas en Galiza e só o ano pasado máis de 6.000 declararon ter sufrido agresións machistas. “Para loitar contra a violencia machista precisamos a máxima implicación dos poderes públicos e iso tradúcese en máis medios e máis recursos”, indicou, destacando as principais medidas que o BNG pon sobre a mesa. Empezando por ter máis presuposto, destinando o 1% do orzamento a este fin, o que permitiría contar con 120 millóns de euros, unha cifra que multiplica por seis a do Goberno do PP. En segundo lugar, incrementar as axudas económicas ás vítimas da violencia machista cando menos o IPC para evitar que perdan poder adquisitivo nesta crise. Como terceira proposta, crear xulgados específicos contra a violencia machista en Lugo, Ourense e Santiago, “votaron en contra nesta Cámara, pero están a tempo de rectificar”, alegou. Finalmente, Pontón pediu ao xefe do Executivo que cumpra a Lei galega de violencia de xénero, “algo tan básico como iso, pero levan trece anos de incumprimento flagrante, empezado por facilitar asistencia psicolóxica ás vítimas en atención primaria”. Pontón lembrou que Galiza está á vangarda lexislativa coa Lei de violencia de xénero e coa Lei de violencia vicaria, ambas impulsadas polo BNG e aprobadas por unanimidade no Parlamento, pero advertiu que pese aos avances “queda moito, moitísimo, por facer”. “Queremos unha Galiza na que as mulleres non sexan insultadas, golpeadas, violadas, asasinadas polo mero feito de ser mulleres, non podemos dar nin un paso atrás na loita para conseguir un mundo no que as mulleres quedemos libre de violencia”, concluíu. Departamento de comunicación