A CORUÑA | A Deputación da Coruña vén de publicar no BOP as bases reguladoras do programa de servizos sociais comunitarios para 2023, que reforza os recursos de protección social dos concellos coruñeses cunha achega de 8,3 millóns de euros, o que permitirá financiar 395.000 horas de servizo axuda no fogar e contratar a 181 profesionais do ámbito social nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou a importancia deste programa, “que permite manter un servizo de axuda no fogar esencial para atender a maiores e dependentes nos concellos pequenos e que ademais dá emprego a máis dun centenar de persoas na provincia”. “Seguimos a cumprir co noso compromiso de reforzar a protección social nos municipios da provincia”, afirmou o presidente, que destacou que o programa permite tamén contratar a 181 profesionais especialistas no ámbito social para atender as necesidades das persoas máis vulnerables.
“O orzamento dedicado ao Programa de Servizos Sociais Comunitarios incrementouse durante o actual mandato de 4 a máis de 8,3 millóns”, lembrou a deputada de Benestar Social, Ana Lamas. “Este incremento de recursos fai posible mellorar a calidade de vida de miles de persoas e que toda a cidadanía teña acceso a servizos sociais profesionais, independentemente do lugar onde residan”, afirmou a deputada.
Axuda a domicilio
O orzamento dedicado a este importante programa permitirá reforzar os servizos de axuda no fogar dos municipios, cuxa demanda se incrementou notablemente nos últimos anos. A Deputación prevé financiar en 2023 un total de 394.983 horas deste servizo a un prezo de 12 euros a hora, unha prestación esencial para a atención de maiores e dependentes nos pequenos concellos.
A cifra supón un incremento de 10.000 horas con respecto a este ano e 120.000 horas máis que en 2020. En 2023, a Deputación financiará 71.033 horas de SAF nos concellos da comarca da Coruña e As Mariñas, 50.873 nos do Barbanza, 79.802 nos de Bergantiños e Costa da Morte, 102.605 nos da área de Ferrolterra, Eume e Ortegal e 90.669 nos de Santiago.
Contratación de 181 profesionais do eido social
O programa de servizos sociais tamén permitirá a contratación de 181 profesionais especialistas do eido social. Persoal que cada día atende a miles de cidadáns, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade.
O programa financia o 100% do salario das persoas contratadas como persoal administrativo (18.000 €/ano), persoal técnico A2 (22.000 euros) e persoal técnico A1 (26.000 euros). O persoal poderá ser contratado tamén a media xornada. Prevese a contratación de 42 profesionais nos concellos de menos de 20.000 habitantes da comarca da Coruña, 21 na comarca do Barbanza, 35 na de Bergantiños-Costa da Morte, 34 nos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal e 49 na comarca de Compostela. Departamento de comunicación