El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Cartas al Director
Sociedad

Batanero converte a Facultade de Xornalismo nun museo para a rodaxe de "Historia del arte"

Actúan Feli Manzano, Luís Tosar, Luís Zahera, Lino Braxe e Vicente Montoto

15-06-2007

Puido utilizar o CGAC, pero a cámara preferiu a Facultade de Ciencias da Comunicación, obra tamén de Álvaro Siza, na que se improvisou o museo no que se desenvolve a curta "Historia del arte". Javier Batanero, autor da película gañadora do concurso de guións Compostela Plató, do Festival Internacional de Curtas Curtocircuíto, comezou hoxe en Santiago a rodaxe xunto á actriz Feli Manzano (popularmente coñecida como a nai de Miro Pereira en 'Platos combinados'). 'Historia del arte' satiriza os obxectivos da arte actual, percibida polo director da curta como "separados do que a arte sempre quixo facer: representar a realidade". Feli Manzano encarna a unha señora da limpeza maior de 60 anos, Angelines, que ten que limpar un museo polas noites para gañarse a vida e completar a xubilación, mentres que o seu marido, ao que pon voz Vicente Montoto, está "impedido". A curta fai guiños a 'Leo', a película de José Luis Borau na que Batanero coincidira con Luis Tosar no papel de gardas xurados. "Agora é un actor moi cotizado, pero pilleino por aquí de rebote e aproveitei para facer unha broma interna, converténdonos de novo en vixilantes", comenta Batanero, que por este rol optou ao Goya ao Actor Revelación. Completan un elenco integramente galego Luís Zahera, que fai de obreiro, e Lino Braxe, que aparecerá como un artista que inaugura unha exposición. "Aquí hai actores de sobra e estupendos", explica o autor madrileño, que asume un pequeno papel xunto a Tosar. A pesar da súa faceta como músico, Batanero deixoulle a banda sonora ao compositor canadense de música clásica Marjan Mozetich. O artista americano púxollo fácil para obter o permiso de utilizar para a curta unha música que o director xa tiña na cabeza mesmo antes de que o guión fose tal. O feito de que a historia se rode en Santiago ten que ver unicamente co de resultar premiado no certame de guións do festival de curtas compostelán. Todo pola casualidade de que o texto chegara tarde a outras convocatorias. Batanero ri cando se lle cuestiona o valor dun premio que consiste en traballar. "É a forma máis rápida, directa e menos traballosa para levar adiante unha curta", rebate. Grazas ao concurso, a obra será producida por Ficción Producciones cun orzamento de 40.000 euros e xa ten data de estrea. Será o 20 de outubro, na gala de clausura do festival na capital galega. Perfil A escrita é o "último vicio" adquirido Javier Batanero, "xa con 40 anos" e orfo do que fora unha proposta interesante que mesturaba música, teatro e humor: Académica Palanca. "Para min, Académica Palanca terminou no ano 2000 coa rodaxe de 'Leo'; para os meus compañeiros, coa morte de Antonio Sánchez, un dos seus compoñentes", explica Batanero, que desbota unha volta do grupo: "Nos seus dez anos de existencia puido ter unha proxección maior, pero o pasado, pasado está". Anteriormente, gañara o premio da canción de autor convocado polo Instituto de la Juventud en 1985, tralo que gravou dous discos. Ademais é co autor de 'Pacto entre caballeros' xunto a Pancho Varona e Joaquín Sabina, autor co que colaborou nalgunha ocasión. A súa carreira cinematográfica cinguíranse á interpretación e á música, en películas como 'Leo' ou 'Te doy mis ojos'. Agora prepara un guión para unha longametraxe e continúa levando por Madrid e arredores un espectáculo musical e de humor en solitario chamado 'Las costuras de España', que lle permite manter o "necesario contacto co público". A maiores, prevé sacar un disco para setembro.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias