REDACCIÓN | A Deputación da Coruña impulsará na provincia a segunda edición de ‘O Gran Camiño’, o evento ciclista máis importante de Galicia, que xa goza dun gran éxito internacional. Unha cita na que participarán equipos profesionais do máis alto nivel, con ciclistas ilustres como o último gañador do Tour de Francia, Jonas Vingegaard e que rematará cunha etapa entre Novo Millladoiro (Ames) e Santiago o vindeiro 26 de febreiro.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso participou esta mañá en Santiago de Compostela no acto de presentación da proba, xunto co responsable de Emesports, Ezequiel Mosquera, o deputado de Promoción Económica e Alcalde de Ames, Blas García, o Alcalde de Santiago de Compostela Xosé Sánchez Bugallo e os ex ciclistas José Ángel Vidal e Óscar Pereiro.
Formoso definiu a Galicia como “territorio ciclista” e fixo fincapé na aposta por “dar a coñecer tanto a provincia da Coruña como o esforzo de todos aqueles clubs ciclistas coruñeses que dan a oportunidade deportiva a que moitos nenos e nenas que aspiran a ser algún día os vindeiros Ezequiel Mosquera, Óscar Pereiro, ou mesmo o gañador do Tour de Francia, Jonas Vingegaard”. Formoso quixo destacar “a aposta firme e decidida que se fai desde a Deputación para promocionar esta proba, que vai ter unha repercusión mediática mundial e que seguro seguirá medrando co paso dos anos”.
O responsable de Emesports e un impulsor da carreira, Ezequiel Mosquera, sinalou que “o percorrido da carreira transcorrerá por varios dos lugares máis afectados polos incendios no último ano, e acabará na cidade que lle da sentido e nome a esta carreira, que é Santiago de Compostela”. Na súa intervención o exciclista Jose Ángel Vidal incideu en que “estamos a falar dunha proba que cada ano vai a máis e estase a converter nunha inspiración para os ciclistas galegos máis novos”.
O deputado de Promoción Económica da Deputación e alcalde de Ames, Blas García, resaltou a “aposta da Deputación desde un primeiro momento” e deixou ver a súa satisfacción “como rexedor e anfitrión dunha das etapas desta edición, que serve para poñer en valor o noso municipio e, en concreto, O Milladoiro, un enclave empresarial fundamental para o noso Concello”, expresou.
Outro exciclista, Óscar Pereiro, na súa quenda recalcou que “sería xenial estar en activo e participar nunha proba deste nivel e características, que percorre Galicia”. O de Mos engadiu que O Gran Camiño é un produto con nome propio e promociona un escenario ideal para a práctica do ciclismo”.
Por outra banda, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, quixo tamén resaltar a “o atractivo turístico e paisaxístico de Galicia, que acompañado do pelotón ciclista vai deixar unhas imaxes fermosísimas”. Departamento de comunicación