A CORUÑA | O Boletín Oficial da Provincia publicou hoxe as bases da convocatoria de axudas que concede a Deputación da Coruña para a contratación de persoal técnico deportivo nos concellos da provincia e que está dotada dun orzamento de 1.000.000 de euros.
O obxectivo destas subvencións é o de que os concellos poidan contratar ou manter dentro do cadro de persoal aos técnicos deportivos municipais. A Deputación financia ata o 80% dos custes salariais (soldo e Seguridade Social) do persoal técnico deportivo contratado durante un ano, cunha achega máxima de 15.000 euros para aqueles municipios que optan pola contratación dun graduado universitario en Ciencias da Actividade Física e o Deporte que traballe a xornada completa. Os concellos poden contratar tamén técnicos superiores en Animación de Actividades Físicas e Deportivas e facelo a xornada completa ou media xornada, aboando sempre o 20% restante do salario.
A deputada de Deportes, Cristina Capelán, destacou que estas axudas “ademais de contribuír á xeración de emprego na provincia facilitan que os municipios coruñeses poidan desenvolver programacións deportivas de carácter estable e fomentar o deporte e a actividade física entre a poboación, especialmente nenos e maiores”. Departamento de comunicación