REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación de Cristina Fernández como candidata do BNG á Alcaldía de Ponteareas nas eleccións municipais de maio, convencida de que o Bloque revalidará a confianza dos veciños e das veciñas cunha maioría reforzada para que Ponteareas siga avanzando. “Con Cristina, Ponteareas está nas mellores mans”, proclamou, destacando as cualidades da actual alcaldesa.
“Valente, responsable, honesta e con capacidade para dialogar a chegar a acordos polo ben dos veciños e das veciñas. Cristina é unha desas alcaldesas que xoga na Champion League, que non está quentando banquillo, está na Alcaldía para suar a camiseta de Ponteareas para que siga avanzando e progresando”, destacou na súa intervención a líder nacionalista, quen tivo unhas emotivas palabras de lembraza para o anterior alcalde, José Represas.
“Estou convencida que sodes moitos e moitas as que vos sentides orgullosas da transformación que está vivindo Ponteareas, pero sei que hai unha persoa, que alá onde estea, está mirando para o concello feliz e orgulloso, vendo como o traballo que el empezou avanza a pasos axigantados. Esa persoa é Pepe Represas, sempre na memoria, sempre no corazón”, declarou.
Para seguir nesa senda de progreso iniciada fai oito anos, o BNG concorre a cita do 28M “con toda a humildade pero con toda a ambición, sen poñerse límites”, enfatizou, para conseguir unha maioría reforzada, “porque non podemos permitir que este concello retroceda, ao contrario, ten que seguir imparable co seu avance, mirando o futuro co optimismo, afrontando novos retos, poñendo en marcha novos proxectos, e sumando máis servizos, máis benestar social e máis calidade de vida”.
En apenas oito anos, o BNG logrou sacar Ponteares dun pasado escuro e decadente, marcado pola corrupción, pola bancarrota e polo desastre urbanístico, para colocalo nun presente de eficacia, solvencia na xestión, transparencia e diálogo continúo coa veciñanza.
“Hoxe Ponteareas é un concello saneado, de portas abertas, cunha planificación urbanística ordenada e aprobada, con servizos públicos de calidade, cunha política social que presta axuda a todos os colectivos con máis dificultades, exemplo na loita contra o cambio climático e na preservación do medio ambiente, un concello no que todos os veciños e veciñas son tratados con igualdade”, enumerou a líder do Bloque.
Pontón puxo en valor todo o que aporta a candidata Cristina Fernández: “Experiencia municipal, xestión eficaz, unidade, compromiso con todas as causas que fan de Ponteareas un concello mellor, máis xusto, máis igualitario, con máis servizos, con máis dinamismo económico e social, un concello para as persoas”, destacou. “Cristina é tamén un exemplo do liderado das mulleres en política, da capacidade das mulleres para transformar en positivo, para facer que a sociedade avance desde a colaboración, desde o diálogo e desde a igualdade”.
Oito anos de progreso e de avance
A portavoz nacional destacou todo o que foi capaz de facer o Bloque no concello liderando o goberno local, “nunca se fixo tanto en tan pouco tempo”, indicou, pero puxo o foco no “futuro prometedor e ilusionante se seguimos nesta liña e reforzamos ao BNG no concello”.
“Pepe foi sen dúbida, o digo co máximo orgullo, o mellor alcalde de Ponteareas, pero Cristina en só dous anos demostrou ser a mellor alcaldesa e hai que seguir avanzando, traballando man a man cos veciños e veciñas, con confianza en todo o potencial que temos no noso País, porque con Cristina de alcaldeas, Ponteareas está nas mellores mans”, proclamou.
Pontón fixo referencia ao momento “difícil” que vive Galiza, marcado pola crise de prezos que ten contra as cordas a miles de familias, á clase traballadora e a moitas pequenas e medianas empresas, pero trasladou a súa confianza no País para saír adiante. “Porque con confianza nas nosas propias forzas somos capaces de facer grandes cousas, somos un pobo traballador que non se rende e que ten demostrado a súa capacidade para saír adiante en circunstancias ben complexas e difíciles”.
O BNG, comprometeu, vai seguir presentando alternativas viábeis para unha saída “galega e xusta” á crise, con medidas a favor da maioría social, como a recuperación da tarxeta básica, a tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz ou propostas para facerlle fronte ao incremento dos prezos do aluguer e das hipotecas. Alternativas sociais e xustas como a defensa dos servizos públicos, particularmente dunha sanidade pública e dunha atención primaria colapsadas.
“En Ponteareas temos a mellor candidata e temos e seguiremos tendo unha gran candidatura de persoas traballadoras, honestas, comprometidos e disposta a dar o mellor de si para que Ponteareas vaia a máis, e ao fronte unha gran muller, dialogante, con experiencia e con capacidade de liderado”, recalcou. “O BNG demostra, cos seus gobernos municipais que hai outra Galiza posible e outra forma de facer política, que podemos construír unha Galiza en grande e con futuro, concello a concello”, concluíu. Departamento de comunicación