MADRID | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, insta o Goberno do Estado, nomeadamente o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a actuar de maneira inmediata e urxente no tramo da N-120 entre Ourense e a comarca de Valdeorras para mellorar o estado do firme e garantir a seguranza viaria. Máis unha vez, a frente nacionalista reitera a necesidade de acometer unha actuación inmediata nesta infraestrutura que representa a principal vía de comunicación para milleiros de persoas.
A Administración estatal, titular da N-120, continúa sen comprometer investimento nin acometer actuacións reais no tramo que conecta a cidade de Ourense coa comarca de Valdeorras, tramo que tamén atravesa concellos de Lugo e que representa a principal arteria de comunicación para miles de persoas. Pola contra, o Ministerio de Mobilidade, Transporte e Axenda Urbana, inviste en tramos desta infraestrutura entre O Bierzo e O Barco de Valdeorras.
“Os sucesivos gobernos do Estado, fosen do PP ou do PSOE, abandonaron esta infraestrutura durante anos en que foron incrementando o número de puntos negros e o número de fochancas” denuncia o deputado do BNG. Neste sentido, Rego lembra que a organización nacionalista ten rexistrado numerosas iniciativas no Congreso para que o Goberno actúe de maneira urxente para mellorar o estado do firme e, polo tanto, a mellora da seguranza viaria da estrada. Pola contra, para o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana semella non ser unha prioridade “a pesar de que para a comarca de Valdeorras é unha infraestrutura vital”.
Así mesmo, a frente nacionalista ten rexistrado emendas durante a tramitación dos tres últimos proxectos de Orzamentos do Estado para 2021, 2022 e 2023 mediante as que se reclamaba unha dotación económica específica e suficiente para acometer unha actuación integral na N-120 mais os partidos que compoñen o Goberno do Estado, PSOE e UP, votaron sistematicamente en contra.
“O temporal de finais de ano agravou a situación e aumentaron os problemas na seguranza viaria da infraestrutura mais, un mes despois, o MITMA continúa sen actuar. Por iso volvemos a reclamar unha actuación urxente para a reparación do firme, así como para que se quite a maleza que cobre as marxes e, onde for posíbel, unha ampliación dos carrís” demanda Rego. O deputado nacionalista apunta a existencia de varios puntos negros na estrada que precisan dunha actuación inmediata, como entre os quilómetros 507 e 510, no quilómetro 442 en Biobra, nas proximidades da ponte de Augas Mestas, no Canaval, xusto antes de comezar a subir o Alto de Guítara, entre outros.
Con especial atención, explica a organización nacionalista, nos tramos en Valdeorras entre Rubiá e O Barco, o traxecto entre O Barco até A Rúa, Quiroga e A Pobra do Brollón. Alén do máis, tamén demanda revisar e reparar o tramo entre Monforte e O Castro de Ferreira e, en especial, o tramo entre Campoarairo e Canabal no Concello de Sober. Departamento de comunicación