El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

LUGO

Unha delegación de Lugo expón na Eurocámara os problemas demográficos, económicos e sociais do rural galego

07-02-2023 20:05:32
Ana Miranda (c), eurodeputada nacionalista.

REDACCIÓN | A conferencia “Retos demográficos, económicos, sociais no sur de Lugo,” organizada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, deu voz á unha delegación procedente do sur de Lugo para expoñer na Eurocámara os diferentes problemas desta zona. Así, a dificultade de acceder aos fondos europeos, a falta de infraestruturas, o despoboamento, a emigración e o desemprego, así como a falta de transparencia, foron algúns dos temas expostos ao longo da xornada.  

A eurodeputada nacionalista manifestou a importancia de que unha delegación galega se desprace a Bruxelas para participar nunha conferencia e manter un encontro con Valentina Corsetti, coordinadora de retos demográficos da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea, e Serafín Pazos-Vidal, experto en Desenvolvemento Rural e Territorial na AEIDL (Asociación Europea para a Innovación no Desenvolvemento Local).  

“A Comisión Europea ten que coñecer de primeira man a situación de Galiza ante a falta de transparencia da administración galega”, sinalou Ana Miranda, quen ademais alertou do problema de que non se executen fondos europeos, tendo en conta as necesidades xa detectadas en Galiza, ou que se tomen medidas contrarias ao desenvolvemento do rural, como é o peche de escolas en comarcas rurais ou a tentativa de peche do paridoiro de Verín.


Fondos europeos

Precisamente Valentina Corsetti, na súa intervención, explicou os obxectivos dos programas FEDER e das políticas de cohesión. Sinalou ademais que desde a Comisión son conscientes do reto que supón o envellecemento da poboación así como a súa distribución desigual, que afectan especialmente a Galiza. Entre os posibles investimentos dos fondos europeos mencionou a atención primaria e a dixitalización escolar. Neste mesmo sentido fixo a súa intervención Serafín Pazos-Vidal, é dicir, na necesidade de saber exactamente que pode ser xestionado mediante os fondos europeos, sexan FEDER ou Next Generation, sendo conscientes ao mesmo tempo dos problemas de transparencia do goberno galego.  

Desde a delegación de Lugo, a concelleira do BNG en Pantón, Rosana Prieto, fixo unha presentación das comarcas do sur de Lugo. Ao tempo que salientou a importancia dos sectores produtivos explicou como as particularidades destas comarcas non son tidas en conta para aplicar os plans económicos, sociais e culturais máis axeitados que impulsen o seu desenvolvemento e evitar o despoboamento estrutural e, polo tanto, transversal. O alcalde de Pobra de Brollón, Xosé Lois Maceda, falou da carencia de servizos públicos nun rural con despoboamento e denunciou que un dos problemas recorrentes radica en que os fondos non chegan aos territorios que teñen que chegar. Respecto ao programa 2021-2027 dos fondos FEDER manifestou que quixera volver ao PE para contar que efectivamente os fondos foron investidos de forma axeitada.  

Pola súa banda, Manuel Luaces, responsable local do BNG de Monforte de Lemos, fixo fincapé na necesidade de que esta localidade sexa incluída no Corredor Atlántico, posto que xa conta coas infraestruturas ferroviarias precisas e un porto seco xa en marcha. Desde Galiza Nova, Iago Suárez, expuxo a visión da xente moza e a falta de oportunidades pola caída dos sectores produtivos, que provoca o aumento do despoboamento e o forte aumento da emigración. Sinalou tamén os problemas dos xeradores eólicos, que non deixan ningún beneficio nas zonas nas que se asentan. Finalmente, o concelleiro en Quiroga, Xosé Manuel Fernández, tamén fixo referencia ao destino dos fondos estruturais europeos e os graves problemas do rural, como son as dificultades na prevención de incendios, no acceso á sanidade ou na conectividade mesmo telefónica. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias