El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

SANTIAGO | AEROPUERTO

O BNG exixe frear a privatización da torre de control do aeroporto de Santiago de Compostela

15-02-2023 11:53:08
Néstor Rego.

REDACCIÓN | O Bloque Nacionalista Galego exixe a rectificación do Goberno do Estado ante a intención de privatizar o servizo de control do aeroporto de Santiago de Compostela. A frente nacionalista reclama apostar por manter o servizo de aproximación, como o caso da torre de control da terminal Rosalía de Castro, en mans públicas e que os profesionais de ENAIRE -controladores, persoal de mantemento ou de oficinas- manteñan o seu posto de traballo.  

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ven de publicar o proxecto de orde ministerial que determinará os aeroportos xestionados por AENA para a selección de novos provedores civís de servizos de control de tránsito aéreo que suporá a xestión privada da torre de control de Santiago de Compostela. Para a organización nacionalista, con este regulamento segue a avanzarse no proceso de privatización iniciada coa lei aprobada en 2010 que xa supuxo a privatización das torres de Vigo e A Coruña, xunto con outras dez.  

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lembra que esta reactivación da privatización prodúcese “nun momento de folga dos controladores do sector privado, pola precariedade e o empeoramento das súas condicións laborais”. De facto, a maioría das e dos profesionais do sector privado quere pasar ao público, mentres que outros acaban abandonando a profesión ante a súa situación laboral. 

“Quedou demostrado que as torres privatizadas non gañaron nin en eficacia nin en eficiencia e só en precariedade laboral e en recorte de dereitos laborais e sindicais” sinala Rego, ao tempo que  exixe a rectificación do Goberno do Estado nesta nova intención de privatizar o servizo de control de Santiago. A organización nacionalista tamén destaca que, nun contexto onde en Europa o privado volve ao público como o caso do aeroporto de Gatwick, o Estado español segue apostando pola privatización” sinala Rego. Así mesmo, exixen coñecer cal será o destinos das e dos profesionais de ENAIRE que se atopan neste momento prestando servizo na torre de control de Santiago como os controladores, persoal de mantemento, persoal de oficinas, etc. 

Segundo explicou a candidata do BNG á alcaldía de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, non ten sentido privatizar a xestión da torre porque non se vai conseguir maior eficiencia nin tampouco un abaratamento dos billetes. “Este tipo de decisións conducen a unha precariedade laboral e a facer dun servizo público un negocio para AENA e para empresas privadas” engade a portavoz municipal do BNG en Compostela.  

Neste sentido, as iniciativas do BNG no Congreso e no Parlamento galego encamiñadas a frear esta privatización “queren contribuír a evitar medidas que poden poñer en risco a seguranza aérea segundo denunciaron os propios controladores e controladoras, o recorte de dereitos laborais e os despedimentos, como xa aconteceu con anterioridade nas torres de control dos aeroportos de Alvedro e de Peinador”. Así, o BNG segue a defender a xestión pública das torres de control dos aeroportos galegos.  

Alén do máis, a propia Comisión Nacional dos mercados e Competencia, ente totalmente a favor de continuar coa privatización das torres, indica no seu último informe que nas torres que teñan servizo de aproximación -o caso da torre de Santiago- non sería economicamente eficiente a liberalización do servizo de control de aeródromo, por prestarse conxuntamente co servizo de aproximación. En Santiago préstase servizo aproximación radar aos tres aeroportos galegos e aos vos que se atopan en espazo aéreo galego ata 24000 pés, aproximadamente oito quilómetros. Departamento de comunicación 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias