A CORUÑA | O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou hoxe na inauguración institucional da Feira BioCultura, que está a celebrarse en Expo Coruña, onde asegurou que “pensar no futuro do plantea e actuar desde a sostibildiade son unha necesidade para o turismo do futuro”.
A Deputación da Coruña participa nesta edición da Feira cun espazo de 400 metros cadrados, espazo que foi precisamente o que acolleu a inauguración oficial de BioCultura. Neste sentido, Xosé Regueira lembrou que desde o departamento provincial de Turismo sempre se traballou facendo unha aposta activa polos recursos do territorio, como un activo turístico enfocado a “un tipo de cliente máis esixente e comprometido co medio”.
O vicepresidente da Deputación mencionou como exemplos da liña de traballo do seu departamento “o feito de que neste momento temos en marcha catro Plans de Sostibildiade Turística en Destino no conxunto do territorio da provincia que dan mostra de como concibimos o traballo neste campo, onde xogan un papel fundamental a responsabilidade para co medio e para co territorio e a saúde do planeta, e enfocados a un tipo de cliente turístico que está a demandar este tipo de compromiso”.
Por último, Xosé Regueira expresou o seu desexo de que “estes tres días de Feira sexan un éxito e dean a coñecer como se están a facer as cousas, a nivel de sostibilidade, desde esta cidade, deste a provincia da Coruña e desde o noso país”. Tamén manifestou a súa esperanza de que “este espazo sirva tamén para reflexionar e mellorar para saír todos beneficiados, tanto desde o punto de vista turístico como desde o punto de vista de cidadáns responsables”.
O posto institucional da Deputación en BioCultura acollerá, entre hoxe e o domingo, un completo programa de actividades que inclúen showcookings, palestras e presentacións de iniciativas e produtos. Ademais, como vén sendo habitual, tamén conta cun espazo reservado de xeito permanente a produtores e produtoras da provincia:
.- Panadaría da Cunha: empresa panificadora que leva a cabo un proxecto destinado á produción de trigo autóctono ECO (Carral)·
.- Sementaecolleita: Asociación de Ecoproductores de horta ecolóxica para Grupos de Consumo Responsables (Cesuras)·
.- CEM S.C.G.: Rutas de ecoturismo en espazos naturais, sinalización de espazos naturais, e estudos ambientais e deseño de materiais divulgativos e educativos sobre medio ambiente (Culleredo)·
.- Worknature: Profesionais do mundo do turismo, ecoturismo e tempo libre, comprometidos coa sostenibilidade do territorio e benestar das persoas (Miño)·
.- Eco e Natural: Productos de coidado para a pel (A Coruña)·
.- La Despensa D’Lujo: Agricultura, produción e distribución de legumbres (Coristanco)·
.- Colectivo Xebre SCG: Cooperativa formada por 6 produtores de horta da comarca Bergantiños-Costa da Morte (Coristanco)·
.- Biostore –Rabiosa: Cultivo de mazá ecolóxica certificada e transformación en sidrería propia (Santiago de Compostela)·
.- Anainas Skin Space: Cosmética infantil, ecolóxica e vegana certificada (Carral)