El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

POLÍTICA | OURENSE

Ana Miranda: "Se o BNG goberna Ourense, a revitalización da cidade será unha realidade"

07-03-2023 17:52:52
Delegación de Ourense.

REDACCIÓN | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e unha delegación procedente de Ourense, -integrada polo concelleiro e candidato á alcaldía do Bloque Luís Seara, a candidata Sonia Albor e o candidato Xosé Carballido-, mantiveron unha xornada de traballo en Bruxelas sobre a captación de fondos europeos destinados ao desenvolvemento local e a revitalización do patrimonio diante do desleixo do actual alcalde.  

“Se o Bloque goberna Ourense, a revitalización da cidade será unha realidade a medio prazo, xa que no BNG temos as ideas e as mellores persoas para executalas”, subliña Ana Miranda tras as reunións celebradas no Comité das Rexións e na Comisión Europea. A eurodeputada nacionalista destaca a posibilidade de que Ourense participe en programas futuros que lle permitan non só recuperar o patrimonio, senón tamén fomentar o emprego e asentar a poboación. ”En Ourense falta vida e é imprescindible que o Bloque chegue ao goberno, con Luís Seara como alcalde, para que a cidade colla impulso”, afirma.  

Na primeira reunión celebrada, que tivo lugar no Comité das Rexións e Cidades Europeas con Kieran McCarthy, relator do informe sobre a Nova Bauhaus Europea e Michael O Conchuir, Secretario Xeral do grupo Alianza Europea, a delegación expuxo a súa preocupación pola situación da cidade de Ourense, cun amplo casco histórico pero nun estado de lamentable abandono. Nos últimos 10 anos, a zona histórica perdeu preto de 2.000 habitantes e máis da metade das vivendas (dun total de 3.170) están baleiras, e só o 9% dos locais comerciais existentes están ocupados.  

“É un drama que a metade das vivendas estean baleiras, co problema de seguridade que pode producirse”, denunciou Luís Seara no encontro, ao tempo que salientou a necesidade de que se leve a cabo unha recuperación integral, que teña en conta o comercio local e o termalismo, así como a posibilidade de copiar as boas prácticas que xa se fan noutros territorios.


Novas vías de colaboración

A delegación tamén mantivo un encontro coa xefa de Unidade de Política Cultural da Dirección Xeral de Educación. Xuventude, Deporte e Cultura, Catherine Magnant. Neste encontro, ademais de falar sobre as particularidades do casco histórico de Ourense, comentáronse os diversos proxectos europeos aos que a cidade das Burgas podería acollerse, dentro do marco da Nova Bauhaus Europea, así como as cidades nas que xa se están executando os fondos europeos vixentes, como os de recuperación e resiliencia vixentes, nos que hai diversos apartados destinados a cultura. 

“Con estas xuntanzas ábrese unha vía de colaboración para o futuro que vai permitir acadar novas posibilidades para Ourense”, asegurou o candidato nacionalista, quen ademais salienta a empatía e a receptividade que atopamos ao expoñer os problemas de Ourense e as solucións globais que propoñemos.  

“Se eu son alcalde voltaremos a Bruxelas a pedir os fondos europeos máis axeitados para revitalizar a cidade, tal e como acabo de facer sendo concelleiro”, manifesta Luís Seara, quen critica que Ourense está perdendo oportunidades polo pasividade do actual alcalde. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias