El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

LALIN

O BNG defenderá no Congreso abrir un centro de exames para a obtención do permiso de conducir en Lalín

23-03-2023 11:07:33
Néstor Rego.

REDACCIÓN | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defenderá a vindeira terza feira na cámara baixa unha iniciativa en que insta o Goberno do Estado a realizar todas as xestións necesarias para a apertura dun centro de exames da Dirección Xeral de Tráfico para a obtención do permiso de conducir no concello de Lalín. A frente nacionalista argumenta que o termo municipal conta cos requisitos necesarios para contar con este servizo e evitaría os desprazamentos para a realización das prácticas e os exames até Pontevedra, o que suporía un gran beneficio para as autoescolas e a veciñanza do conxunto da comarca.  

Após coñecer esta necesidade da man do portavoz do BNG no Concello de Lalín e candidato do BNG á alcaldía, Paco Vilariño, o deputado nacionalista na cámara baixa defenderá unha iniciativa para crear un centro de exames. A día de hoxe, o alumnado das autoescolas de Lalín e as localidades limítrofes deben desprazarse até a cidade de Pontevedra para realizar tanto as prácticas como as probas para obter o permiso de conducir.  

“Entendemos que Lalín reúne as condicións necesarias para poder contar cun centro de exames descentralizado, o que permitiría evitar longos desprazamentos para a realización das prácticas e os exames” salienta o deputado do BNG. Nesto Rego sinala que “é perfectamente factíbel a realización de prácticas no propio municipio” posto que o propio tráfico estabelece como imprescindíbel que a zona debe contar cun tramo de autoestrada libre de peaxe, rotondas no casco urbano e semáforos nas zonas próximas. “Lalín conta con estas características, tanto para a realizacións das prácticas como para o exame final” asevera. 

Neste sentido, a vindeira terza feira o BNG someterá a debate no Congreso a iniciativa para crear un centro de exames da Dirección Xeral de Tráfico para a obtención do permiso de conducir no concello de Lalín. “Agardamos que todas as forzas políticas, sobre todo as que teñen representación pola Galiza, apoien esta iniciativa. Unha demanda que a veciñanza da comarca do Deza traslada desde hai tempo e os sucesivos gobernos do Estado nunca atenderon” destaca Rego.  

“A instalación en Lalín deste tipo de probas suporía un gran beneficio para as autoescolas, así como para a veciñanza do propio concello e do conxunto da comarca” afirma. Cabe destacar que as prácticas, na actualidade, tamén se deben realizar na cidade de Pontevedra polo que, diariamente, tanto profesores como as persoas que están a practicar, deben desprazarse máis de 140 quilómetros o que implica unha viaxe de case tres horas entre a ida e a volta.  

Néstor Rego reitera o compromiso da formación nacionalista para conseguir que o Goberno do Estado instale un centro de exames da Dirección Xeral de Tráfico en Lalín. “Máis agora que o prezo dos combustíbeis é tan elevado, cuestión que encarece considerabelmente o custo das prácticas” engade Rego. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias