El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

EXPOSICIÓN XARDÍN UTOPÍA

Unha exposición sobre a utopía para imaxinar outros futuros posibles ante a crise ecosocial

13-04-2023 16:37:51

REDACCIÓN | O Local Social pontevedrés do Gorgullón acolle desde o pasado mes de novembro as xornadas de traballo do proxecto Do Desequilibrio aos Soños compartidos. Construción de narrativas de futuro sostibles. Neste tempo, un grupo interxeracional de 12 persoas estivo traballando en torno a emerxencia climática e a necesidade de elaborar relatos utópicos para inspirar o necesario cambio cultural que esixe a crise ecosocial.  

O proxecto terá como peche as xornadas de Pontevedra Utópica. Do Desequilibrio aos soños compartidos, entre o 27 e o 29 de abril. Nelas participarán a cantautora Sés, a arquitecta Cristina Botana, a escritora María Reimóndez e a enxeñeira informática Laura M. Castro. Ademais, representarase a obra As Fillas Bravas e o Mito de Casandra. As actividades das xornadas levaranse ao cabo no Convento de Santa Clara os días 27 e 28 de abril, e na Praza da Curtidoira, o día 29 de abril.  

Como prefacio a estas xornadas, do 27 de marzo ao 30 de abril, diversos centros sociais de Pontevedra acollerán a exposición Xardín Utopía. A entrada será de balde e pódese visitar nos horarios habituais de cada espazo:  

.- Centro Este (Praza Da Citara, 1): semana do 27 de marzo ao 2 de abril   

.- Centro Social do Burgo (Av. da Coruña, 62): semana do 10 ao 16 de abril      

.- Centro Social Gorgullón (Rúa Curtidoira, 1): semana do 17 ao 30 de abril.



Xornadas Do Desequilibrio

O futuro será o que sexamos capaces de imaxinar. E que son capaces de imaxinar unha cantautora e unha arquitecta? E unha enxeñeira informática e unha escritora? Os días 27 e 28 de abril conxugaranse dous Diálogos utópicos no Convento de Santa Clara. No primeiro destes diálogos, a cantautora Sés e a arquitecta Cristina Botana conversarán sobre o papel da música e o urbanismo na construción de narrativas de futuro máis ou menos utópicas e sobre as interseccións posibles ou desexables entre ambas disciplinas. A conversa terá como título Banda sonora para unha nova forma de habitar o mundo.  

No segundo dos Diálogos Utópicos, a enxeñeira informática Laura M. Castro e a escritora e activista María Reimóndez falarán sobre as distintas formas de elaborar relatos e realidades utópicas, da literatura ao mundo virtual e volta na palestra Construíndo relatos, construíndo realidades.  

As conversas contarán tamén coa participación de Iseo a Moura, do colectivo Narración Oral Galega (NOGA), que introducirá e pechará os diálogos con historias que nos permitan buscar no pasado elementos a recuperar para un futuro. A entrada será de balde até completar aforo, en horario de 20:00 a 21:30 horas. 

As xornadas rematarán o sábado 29 de abril cunha representación teatral sobre cambio climático na praza da Curtidoira da man de As Fillas Bravas. As Fillas Bravas representarán desde ás 13h, As Fillas Bravas e o mito de Casandra, unha obra na que tres mulleres maiores tratan de entender o cambio climático e facerlle fronte aplicando os saberes e a experiencia dunha vida longa no rural. Ao mesmo tempo, é unha obra con perspectiva de xénero á procura de personaxes femininas empoderadas, colocando o foco nunha muller afirmativa, autónoma, creativa e implicada na colectividade. A entrada será de balde até completar aforo, en horario de 13:00 a 14:00 horas. 

O proxecto Do Des-Equilibrio aos soños compartidos é unha iniciativa de Educación Ambiental centrada na emerxencia climática, que aspira a desenvolver unha metodoloxía de intervención interxeneracional para a construción de narrativas de futuro sustentables a través dunha acción teatral. Búscase deste xeito xerar escenarios desexables que sirvan de inspiración para o necesario cambio cultural que esixen os retos ambientais presentes.  

Esta proposta nace da colaboración entre a cooperativa sen ánimo de lucro Feitoría Verde, o grupo Chévere e o equipo do Proxecto RESCLIMA, do Grupo de Investigación en Educación Ambiental e Pedagoxía Social (SEPA), da Universidade de Santiago de Compostela.  

O proxecto Do desequilibrio aos soños compartidos, narrativas de futuro sostibles conta co apoio económico e acompañamento da Fundación Daniel e Nina Carasso, a través da súa convocatoria “Compoñer saberes para imaxinar e construír futuros sostibles 2021”. Así mesmo, os Concellos participantes (Padrón, Ames e Pontevedra) cofinancian tamén a iniciativa, alén de facilitar e acompañar as sesións de traballo cos grupos implicados. / Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias