REDACCIÓN | O alcalde de Catoira, Alberto García, presentou hoxo -no Museo de Estrella Galicia (A Coruña)- a programación da 63 edición da Romaría Vikinga, que se celebra na primeira semana de agosto. O alcalde estivo acompañado de Loreto Rodríguez, responsable de medios ganados de Estrella Galicia, entidade patrocinadora do festival Vikinsons; Nuria Bouzas Loureiro, autora do cartel desta edición; Xurxo Gontá, traballador do Concello de Catoira; e Fátima I. Rey, directora da Escola Municipal Úrsula Teatro de Catoira.
A presentación estivo precedida dunha breve dramatización a cargo dunha ducia de actrices e actores da Escola de teatro, que serviu como aperitivo do que chegará en agosto.
Unha das novidades que se inclúen este ano é a conversión da Cea Vikinga nun xantar. Despois da interrupción desta actividade durante a pandemia, o sábado 5 de agosto retómase este demandado evento, pero coa novidade de que este ano se converterá nun “Xantar vikingo”, para non solaparse con outras actividades, especialmente a programación nocturna do festival Vikinsons. Precisamente, o cartel do festival musical é outro dos pratos fortes desta edición, que contará coas actuacións de Celtas Cortos, Dakidarría, Luar na Lubre e o exitoso grupo de música nórdica Skáld, entre outros. Ver programación