El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación insta á Xunta a elaborar unha estratexia para estender os Centros de Información á Muller a toda Galicia

28-04-2023 14:43:10
Pleno da Deputación da Coruña.

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña aprobou no pleno celebrado hoxe a moción presentada conxuntamente polo PSdeG-PSOE e o BNG en defensa da mellora dos Centros de Información ás Mulleres (CIM). A proposta contou cos votos favorables dos partidos PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e voto en contra do PP. O texto insta á Xunta de Galicia a elaborar unha estratexia para estender a rede de Centros de Información á Muller atendendo a criterios de emprazamento e prestación  de servizos conforme a factores como a xeografía, a densidade poboacional e as características sociodemográficas.  

A moción propón tamén acordar coa Fegamp un incremento orzamentario con fondos propios das liñas de axudas e subvencións da comunidade autónoma de Galicia, destinadas a sufragar o gasto de persoal e funcionamento preciso. A proposta plantea establecer uns requisitos e procedementos para recoñecer e acreditar os Centros de Información á Muller de titularidade das entidades locais de Galicia coa pretensión de incorporar a figura de axente de igualdade entre o persoal necesario para o funcionamento normal do CIM, regular con criterios obxectivos as necesidades cuantitativas e cualitativas dos profesionais cos que debe contar un CIM, establecer certos requisitos para ser persoal cualificado nos Centros e que ningunha muller teña que desprazarse máis de 15 quilómetros do seu domicilio para poder ser atendida nun CIM.  

Por último, o proxecto plantexa unha delimitación das funcións dos Centros, que deberían proporcionar unha atención integral para a consecución da igualdade real efectiva entre homes e mulleres, e a realización dunha campaña de información pública para dar a coñecer os CIM como recursos integrais dirixidos ás mulleres. Estes centros, que son esenciais como servizo de apoio integral ás mulleres, nos últimos tempos están dedicados case na súa totalidade a tarefas asistenciais con mulleres vítimas de violencias machistas ou en contextos de vulnerabilidade. 

Ademais, desde o ano 2016 adquiriron novas responsabilidades, como a atención e asesoramento ao colectivo LGTB. Debido ao exceso de carga de traballo, tiveron que reducir a frecuencia coa que realizan tarefas como a difusión e sensibilización sobre o principio de igualdade, a realización de conferencias, cursos e diferentes actuacións de dinamización. Na actualidade hai 84 Centros de Información á Muller en Galicia, dos que 33 son xestionados por agrupacións de Concellos ou Mancomunidades, o que supón que 193 concellos da Comunidade non gozan deste servizo. Ou o que é o mesmo, o 40% de todo o territorio galego non dispón deste recurso.  

A isto súmase o agravante da dispersión xeográfica dos municipios galegos e a alta carga de traballo asumida polos profesionais, o que dificulta a asistencia domiciliaria. Durante a sesión plenaria celebrada no día de hoxe tamén se aprobou por unaminimdade a moción presentada pola Marea Atlántica, para instar ao Instituto Social da Mariña a que realice os pagos da prestacións polos ceses de actividade da ría de Muros e Noia.  

O documento tamén incluía instar á Consellería do Mar da Xunta de Galicia a que traballen polo futuro da ría a través da súa mediación no proceso dos pagos e a creación dun protocolo para a axilización dos trámites en futuras ocasións. Por último solicítase dar apoio ás mariscadoras afectadas polo cesamento da actividade. No pleno aprobáronse tamén mocións de apoio a Palestina e á iniciativa lexistlativa popular para a restauración do texto fidedigno do himno  galego. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias