El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Gómez Besteiro pide a Rueda "responsabilidade compartida" e que concrete cal será a aportación da Xunta nos proxectos industriais prioritarios para Galicia

Na reunión mantida na sede da Xunta en Santiago.

02-05-2023 20:01:50
Alfonso Rueda (i), e José Ramón Gómez Besteiro

REDACCIÓN | O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, pediulle hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “responsabilidade compartida” ante a oportunidade única que supón a inxección económica do Plan de Recuperación para transformar Galicia.  

Na súa primeira xuntanza dende a toma de posesión do actual delegado, Gómez Besteiro requiriulle a Alfonso Rueda concreción sobre “cal será a aportación da Xunta aos fondos históricos acadados polo Goberno de España para Galicia, especialmente naqueles proxectos industriais prioritarios que son estratéxicos para o noso país”. Lembroulle que outras autonomías como o País Vasco xa o están a facer e que, ao igual que elas, debe saberse “que volume de recursos sumará Galicia e a que proxectos” para colaborar con esta transformación.  

O delegado do Goberno en Galicia repasou os investimentos despregados polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia en Galicia, que superan os 2.800 millóns de euros. Deles, case a metade foron transferidos á Xunta de Galicia para a súa xestión directa, en virtude do actual reparto de competencias, o que supón “a maior cantidade de fondos recibidos por un Goberno de Galicia para investimentos”, subliñou o delegado. 

Gómez Besteiro reiterou o seu compromiso de “arrimar o ombreiro” e de “remangarse” para conseguir a transformación de Galicia. Neste compromiso, o delegado púxose a disposición do presidente da Xunta “para que non se perda nin un minuto nin un só euro para Galicia”, establecendo unha canle fluída de seguimento para avanzar na cogobernanza e na rendicións de contas que vai implícita na xestión destes fondos. Esta canle traduciríase en reunións de carácter trimestral entre a Xunta de Galicia e da Delegación do Goberno. 

O delegado puxo o foco na responsabilidade que teñen os gobernos para executar os fondos, que, por primeira vez, chegan aos 313 concellos de Galicia e ao resto de administracións territoriais. Destacou o exemplo que están a dar os gobernos locais de Galicia na xestión destes fondos, esgotando as convocatorias, executando os fondos “con rapidez e eficacia” e “poñendo, en moitos casos, fondos propios que suman aos proxectos que se desenvolven nos seus municipios”. 

Ante esta realidade, e tras a advertencia coñecida do Consello de Contas de Galicia, Gómez Besteiro pediu ao presidente da Xunta a mesma transparencia e eficiencia na execución dos fondos transferidos a Galicia, e chamou a “pasar do plan estratéxico á realidade”.    


Infraestruturas  

O delegado e o presidente da Xunta repasaron o estado das infraestruturas do Estado na Comunidade, como a reparación do viaduto da A6 en Pedrafita, a titularidade da AP9, a entrada en servizo dos trens Avril ou o Corredor Atlántico. En relación á autovía A6, o delegado do Goberno trasladoulle ao presidente da Xunta a total disposición de recursos humanos, técnicos e financeiros para as tarefas de reconstrución “sempre coa premisa da seguridade e da cualificación profesional e técnica dos operadores implicados” e confirmou a data establecida de restablecer a circulación en dirección Madrid antes de fin de ano. 

No que respecta á AP9, lembrou que a modificación da titularidade segue a tramitarse no Congreso e que as bonificacións aprobadas polo Goberno están a beneficiar a un de cada dous usuarios da autopista. No Corredor Atlántico, o delegado puxo sobre a mesa os compromisos do Goberno con esta infraestrutura, con exemplos como a mellora da liña ferroviaria entre Lugo e Ourense, que xa se está executando. Tamén avaliaron o calendario de entrada en servizo dos trens Avril. Neste tema, o delegado remarcou que o Goberno xa fixo todo o necesario no que se refire ás decisións políticas para que os trens Avril chegaran a Galicia, restando unicamente o proceso técnico de homologación.  


Lei de Ordenación do Litoral  

Con respecto á Lei de Ordenación do Litoral de Galicia, o delegado do Goberno lamentou que a Xunta non optara no seu momento pola modificación do Estatuto de Autonomía de Galicia para que se puidera efectuar “con seguridade xurídica” a transferencia da competencia en xestión do litoral, ao igual que fixeron outras comunidades. E lembrou que, no tocante á renovación das concesións de ocupación de dominio público, o Goberno resolveu de forma positiva todas aquelas que as empresas solicitaron dende a entrada en vigor da Lei de Cambio Climático.  

Durante a reunión, o delegado do Goberno e o presidente da Xunta tamén abordaron a política de vivenda, con mención á dispoñibilidade de terreos propiedade do Ministerio de Defensa para vivenda pública e a cesión de vivendas da SAREB para alugueiro social; así como a ampliación de efectivos do Corpo Adscrito de Policía Nacional e o impulso á Formación Profesional. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias