SANTIAGO DE COMPOSTELA | O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, advertiu hoxe que o PSdeG “non vai servir de coartada ao PP” para empregar a Lei do Litoral como elemento de confrontación electoral. Así o dixo logo de que o PP decidira de forma “unilateral e torticeira” acortar os trámites do debate parlamentario do texto para facela coincidir coas eleccións.
O responsable socialista anunciou que os socialistas retiran o apoio a esta norma que o PP quere despachar cun único debate en Ponencia e que anunciaron que aprobarían “si ou si” neste período de sesións, evidenciando que “non queren negociar absolutamente nada”. Dixo que o PSdeG “non vai ser cómplice nin darlle cobertura ao PP” diante dunha situación “sen precedentes”.
Lembrou que o apoio do PSdeG a esta norma viña condicionado a un debate que permitiran garantir seguridade xurídica dun sector do que dependen 40.000 familias, pero o cambio de guión do PP provocado polo adianto electoral constata que “non teñen o mínimo interese real para facer unha boa Lei acordada coas demais forzas políticas do país”.
Explicou que a Lei ía rematar o trámite en outono cando as eleccións xerais estaban previstas para final de ano, pero logo do adianto electoral o PP decidiu impoñer o recorte nos prazos para que se aprobara antes do peche do período de sesións e de novo coincidindo coas eleccións xerais. De feito, apuntou que hoxe mesmo foi nomeada a Ponencia desta Lei, que tan só se vai reunir “un único día” para unha Lei que “precisa dun debate sosegado”.
Alertou fronte ás “eivas” do texto, que “pode ser o pistoletazo de saída do bum urbanístico no litoral”, e advertiu do risco de “pelotazos” urbanísticos, pero o PP ten demostrado que “non quere negociar absolutamente nada”. Dixo que os socialista coinciden na necesidade de regular o Litoral, pero se absterán no trámite parlamentario para ser “coherentes co cambio de estratexia electoral do PP coa única finalidade de confrontar en campaña electoral”.
Gobernos municipais
O responsable socialista fixo unha valoración da constitución dos gobernos municipais deste pasado sábado, que consolidan ao PSdeG como “principal forza progresista nos concellos galegos” e que gobernan practicamente á metade da poboación de Galicia. O PSdeG ten 101 alcaldías e gobernará a 1,25 millóns de galegos e galegas, practicamente o dobre do PP, o que, dixo, “no fai orgullosos de seguir transformando e facendo avanzar ao país”.
Luis Álvarez explicou que os socialistas galegos afrontan agora a campaña para as eleccións xerais con “toda a ilusión, reforzados cuns datos que evidencian a fortaleza municipal” deste partido, para explicarlle á cidadanía o proxecto de transformación e o “risco certo de retorno a políticas non orientadas ao beneficio xeral, senón ao retroceso” que representa Feijóo.
Os galegos e galegas tiveron unha primeira mostra, dixo, no acordo asinado entre o PP e Jácome para blindar a alcaldía para quen ata hai días ían expulsar do goberno de Ourense a cambio de manter a toda costa o “baltarismo sen Baltar” na Deputación provincial. Álvarez amosou o acordo asinado “sen ningún tipo de escrúpulos” entre as dúas forzas políticas cando “todos tiñamos os tímpanos vibrando” polos audios do rexedor ourensán poñendo en cuestión a limpeza democrática.
Lembrou que o propio Rueda descartaba o 11 de maio un pacto con Jácome nas municipais, e este mesmo venres era a secretaria xeral do PP, Paula Prado, quen aseguraba ter “a conciencia tranquila” por ter feito “todo o posible para que non volvera ser alcalde” ao mesmo tempo que estaban acordando e asinando o acordo.
Goberno nefasto
Lamentou que o PP “perdeu unha oportunidade de ouro para acabar cun goberno nefasto para a cidade de Ourense”, e emprazou a Cabezas a explicar “por que non votou a favor de Francisco Rodríguez e seguiu o pacto imposto dende a dirección do PP e Santiago”. Lamentou que “marchará Baltar, pero mentres o PP permaneza na Deputación seguirán o caciquismo e o escurantismo e seguiremos precisando que se levanten as alfombras”.
Luis Álvarez sinalou que os socialistas “fixemos todo o posible por propiciar un cambio político na provincial de Ourense”, pero advertiu que nas “negociacións frenéticas” das últimas horas “había xogadores coas cartas marcadas”. Departamento de comunicación