El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA | SEGURIDADE VIARIA

Galicia impulsa a "Visión cero" para reducir as vítimas de accidentes de tráfico nas estradas

E tamén acadar unha mobilidade segura, nestas actuacións en materia viaria.

17-07-2023 00:10:37
Traballos realizados na estrada.

REDACCIÓN | A Xunta, a traves da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, ten activo o Plan de Seguridade Viaria 2022-2025: unha ferramenta global deseñada con 'visión cero'; é dicir, co obxectivo de reducir ao mínimo posible as vítimas en accidentes e acadar a meta final de cero vítimas.  

Este Plan -a folla de ruta da Xunta no eido da seguridade viaria para os vindeiros anos- foi recoñecido como referencia nacional polo Observatorio Nacional de Seguridade Viaria. O programa recolle dúas metas estratéxicas: diminuír o 25% do número de falecidos e feridos graves nas vías interurbanas e nas travesías, con respecto a 2019, e outro fito é reducir o 25% dos falecidos e feridos graves en usuarios vulnerables como os peóns, ciclistas ou motoristas.  

E para conseguir estes obxectivos, o Goberno galego ten en marcha distintas accións específicas que abarcan todos os ámbitos que afectan á seguridade viaria: a mellora das infraestruturas, a promoción da educación e formación viaria, o bo estado do vehículo ou a priorización da seguridade viaria no lugar de traballo.


Reforzo da seguridade nas estradas

No que se refire ás intervencións en marcha, a Xunta segue avanzando na eliminación de tramos de concentración de accidentes. Para isto, o poder executivo ten blindado un orzamento de máis de 20 millóns de euros para continuar progresando nestas intervencións nos vindeiros anos. Galicia é a única Comunidade Autónoma que conseguiu que os fondos europeos FEDER financien este tipo de actuacións. 

O certo é que as obras levadas a cabo no marco desta estratexia de supresión de concentración de accidentes (cun investimento de 16,8 millóns de euros) permitiron reducir un 60% a sinistralidade nestes puntos. 

As actuacións recollidas inicialmente, cando se puxo en marcha este programa, están a piques de culminar co remate dos últimos traballos en vías autonómicas en Cangas, Moaña, Ponteareas e Sanxenxo. 

As intervencións en todos os treitos identificados como de concentración de accidentes supuxeron o acondicionamento de 119 interseccións, a construción de 24 novas rotondas ou a mellora de 138 pasos de peóns. 

Destacan, ademais, as obras específicas de eliminación de obstáculos en estradas, que teñen por obxectivo conseguir estradas "que perdoan" os erros dos condutores e dar unha segunda oportunidade de volver á calzada. 

A conservación das estradas autonómicas tamén é unha liña de acción fundamental para a Xunta, que desde que en 2016 puxo en marcha o Plan de reforzos de firme, ao que dedica unha media de 20 millóns de euros anuais para avanzar na mellora e conservación das vías da súa titularidade. En seis anos, o Goberno galego investiu máis de 115 millóns para mellorar os firmes das estradas autonómicas, garantindo a súa conservación e reforzando a seguridade viaria e a comodidade nos desprazamentos dos usuarios.  

Tamén ten en marcha un programa pioneiro de inspección e xestión de obras de paso, muros e noiros, cun sistema que este ano conta, por primeira vez, con partida específica por importe de 4,1 millóns.


Mobilidade segura e sostible

Acadar unha mobilidade segura e sostible no entorno das estradas é outro piar esencial das intervencións impulsadas pola Xunta no ámbito da seguridade viaria. 

O Goberno galego está a priorizar a seguridade dos peóns e ciclistas con máis de 250 quilómetros de sendas executados nos últimos 6 anos nas marxes das estradas autonómicas. 

Ademais, a rede de sendas executadas vaise estender máis alá das estradas porque, a través dos investimentos dos fondos Next Generation, estanse a impulsar nas contornas das grandes cidades eixes de mobilidade sostible. Así, acometeranse itinerarios na cidade de Ourense para conectala de norte a sur, ao unir a intermodal coa Ponte Vella e completando a senda do Barbaña. Tamén se construirá un gran itinerario peonil e ciclista en Santiago de Compostela, unindo O Milladoiro coa intermodal, os hospitais e San Caetano; ou en Pontevedra, conectando con Marín a través da mellora integral na estrada autonómica PO-546.  

Cómpre sumar tamén unha liña de acción novidosa que se está a desenvolver para mellorar a seguridade de 1.100 paradas de autobús situadas en estradas autonómicas cun investimento previsto de arredor de 35 millóns.


Concienciación  

Así mesmo, a seguridade viaria debe sumar os esforzos de todos, as Administracións públicas e os cidadáns. Neste sentido, para a Xunta as actuacións nas estradas son estratéxicas, pero teñen que complementarse con iniciativas de concienciación. 

Co obxectivo de promover os hábitos seguros nas estradas, a Xunta vén de activar unha campaña de concienciación que lle recorda aos peóns e aos condutores a fraxilidade dos usuarios vulnerables nas vías.  

Esta campaña, que xa se desenvolveu con anterioridade, utiliza como recurso unhas figuras con estética de Sargadelos coas que se mostra aos cidadáns que os peóns ou ciclistas son usuarios fráxiles nas estradas. 

Entre outras recomendacións, a iniciativa lémbralle aos peóns a importancia de facerse ver con prendas reflectoras; de camiñar pola esquerda da estrada sempre que non exista senda ou beirarrúa; ou de escoller o lugar máis seguro para cruzar. 

Indicar que o Goberno galego vén promovendo campañas de concienciación para fomentar as actitudes responsables nas estradas, tanto entre os condutores como entre os peóns ou os ciclistas. Xa se desenvolveron con éxito iniciativas para sensibilizar da necesidade de evitar distraccións como o móbil na condución; ou de deixar sempre metro e medio de distancia con respecto aos ciclistas. 

Os nenos, ademais, tamén foron obxecto de actividades divulgativas e de concienciación coa campaña 'O corazón está do teu lado', que levou hábitos responsables nas estradas por moitos colexios de Galicia. Os cativos aprenderon con actividades amenas a relevancia de empregar as sendas peonís, camiñar polo lado do corazón, cruzar nos pasos de peóns ou facerse ver o máximo posible ante os vehículos que circulan pola vía.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias